A Consellería de Educación traslada aos pais e alumnos do IES de Curtis a imposibilidade de ofertar o ciclo de instalacións eléctricas debido á escasa demanda do alumnado
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa recibiu hoxe a unha representación de pais e alumnos deste centro
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira lema, recibiu hoxe a unha representación de pais e alumnos do IES de Curtis, que solicitan que se permita matriculación de estudantes no ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas neste centro.
Tras escoitalos, o director xeral trasladoulles a vontade da Consellería de Educación de continuar a apoiar as ensinanzas de Formación Profesional en toda Galicia, se ben explicoulles a imposibilidade de impartir o primeiro curso do devandito ciclo este ano no centro.
Con todo, o alumnado de 2º curso deste ciclo poderá este ano continuar cos seus estudos no mesmo centro con total normalidade
Solicitudes fóra de prazo
Así, informouse aos pais e alumnos de que, no momento do peche da matrícula e inicio de curso, o 17 de setembro, o número de alumnos que realizara a preinscrición era de tan só 3 alumnos, cifra confirmada polo director do centro confirmou que motivo polo que –de conformidade coa normativa- non se autorizou a impartición do primeiro ano deste grao medio no instituto de Curtis.
Porén, o 20 de setembro, despois de ter rematado o prazo de matriculación e xa iniciado o curso escolar, o instituto inscribiu outros 7 alumnos neste ciclo, o que constitúe unha irregularidade, tendo en conta a cifra antes confirmada pola dirección do centro .Así, a Consellería rexeita impartir este grao medio xa que, ademais, estas solicitudes eran de dubidosa procedencia, na medida en que eran de alumnos que xa tiñan praza noutros ciclos que eles escolleran en primeira opción, ben noutros centros, ben no propio centro de Curtis.
A Consellería de Educación, entendendo que os devanditos alumnos xa foran atendidos na súa opción de preferencia, non pode ter en consideración estas solicitudes. Doutro xeito, estaría a dar resposta a unha errónea imaxe da demanda deste grao en Instalacións Eléctricas e Automáticas neste instituto o presente ano académico.
En todo caso, o director xeral de Educación comprometeuse a que este ciclo formativo se poida impartir o vindeiro curso no IES de Curtis se a demanda de alumnado dentro do prazo establecido así o xustifica.