O conselleiro de Educación asiste á inauguración das XXI Xornadas Estatais do Fórum Europeo de Administradores da Educación na Coruña

Xesús Vázquez Abad destacou neste acto o papel do coñecemento como espiña dorsal do desenvolvemento

Ven, 08/10/2010 - 12:52

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o coñecemento como “un valor primordial e a base do crecemento económico e social, a espiña dorsal do desenvolvemento”, durante a súa asistencia á inauguración das XXI Xornadas Estatais do Fórum Europeo de Administradores da Educación (FEAE), que se están a celebrar na Coruña. Nesta edición o tema a tratar é “A Educación inclusiva na escola do século XXI”.

O conselleiro fixo especial fincapé na importancia da educación inclusiva, xa que “todo cando esforzo sirva para loitar polos nenos con dificultades merece o noso apoio, o noso impulso e a nosa máis aberta cooperación”.

Ademais, Vázquez Abad valorou a inmigración como “un factor de riqueza para as nacións”, polo que avogou polo establecemento dunha convivencia positiva como “uno dos factores que contribúen á plena integración dos estudantes nun sistema educativo que só desexa o mellor para todos eles”.

O conselleiro incidiu en que “o nivel de formación e a capacidade de innovación e o emprendemento do sistema educativo son o noso principal recurso e garantía do benestar”. “Conseguilo –dixo- constitúe un labor que nos compromete a todos. De aí a importancia destas xornadas”. Así, Vázquez Abad agradeceu aos asistentes o seu esforzo “sempre evolucionando ao rito, ás veces vertixinoso, que nos tocou vivir. O voso ánimo para vos seguir formando constitúe un exemplo para quen formamos parte do cada vez mellor sistema educativo de Galicia, España e a Unión Europea”.

Sumar esforzos

O obxectivo deste encontro, aos que acoden arredor de 100 persoas, é debater sobre o reto que a inclusión supón para os profesionais da ensinanza nun intento de sumar esforzos para axudar á infancia e á xuventude para adaptarse á sociedade actual. Este proceso de entendemento precisa a colaboración de todos os axentes implicados, e este é o propósito deste encontro.

A conferencia inaugural correu a cargo da catedrática da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, Ángeles Parrilla, e versou sobre a ‘Educación e escola inclusiva: do pensamento global ao desenvolvemento local’.

Posteriormente celebrarase, no reitorado da Universidade da Coruña (UDC), unha mesa redonda sobre ‘¿Que se fai para que a escola sexa inclusiva?’, na que participa Manuel Rey Fernandez, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa da Consellería de Educación.

O encontro continuará pola tarde coa celebración de talleres en torno á ‘A inmigración como factor de riqueza e mellora’, a cargo de Guillermo Fernández- Obanza García, responsable de Ecodesarrollo Gaia. Despois Manuel Armas Castro, orientador e membro da xunta directiva do FEAE, falará das ‘Estratexias para unha convivencia positiva’. Haberá outro taller que versará sobre o percorrido ‘Da segregación á inclusión educativa’ a cargo de Teresa Núñez Mayán, profesora da UDC na facultade de Ciencias da Educación. Este apartado será pechado por Eloísa Teijeira, orientadora de Educación Secundaria en Vigo, que falará das ‘Metodoloxías para a escola inclusiva’.

As xornadas rematarán mañá cun encontro na facultade de Ciencias da Educación, no campus de Elviña da UDC, no que se tratarán as ‘Comunicacións de experiencias dos diversos fórum autonómicos’.