O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación salienta, no aniversario da asociación de altas capacidades de galicia, o compromiso da Xunta coa atención á diversidade do alumnado
Jesús Oitavén participou no acto conmemorativo dos vinte anos de traxectoria desta entidade
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala; participou hoxe no acto de conmemoración do XX aniversario da Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC), onde salientou o compromiso da Xunta coa atención á diversidade do alumnado. Neste sentido, sinalou que o Decreto 229/2011, elaborado polo actual Goberno galego, articula os recursos necesarios para que todos os estudantes reciban unha atención que teña en conta tanto as súas potencialidades como as súas necesidades educativas. “Trátase de dar unha resposta educativa axustada ao alumnado con altas capacidades, desde o marco dunha escola inclusiva e coa implicación activa do seu profesorado”, dixo.
Oitavén Barcala destacou, así mesmo, o labor desenvolvido por ASAC nestes vinte anos de traxectoria informando á sociedade, ás familias e ao profesorado das peculiaridades das nenas e nenos con altas capacidades intelectuais. “Falar de altas capacidades intelectuais é facelo dun alumnado potencialmente brillante, que precisa apoio e estímulos adaptados ao seu potencial de aprendizaxe. Do contrario -dixo- estámonos arriscando á presenza do fracaso escolar”. O representante de Cultura e Educación avogou así por unha implicación activa da Administración educativa, das familias, do profesorado, do propio alumnado e da conxunto da sociedade para acadar o mellor dos sistemas educativos.
No acto participaron, ademais do secretario xeral técnico, o presidente de ASAC, Manuel Campos; e familias e nenos membros da asociación.
Estímulo de capacidades
ASAC é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu como lugar de encontro das familias de nenas e nenos con alta capacidade intelectual, e que ten como sede a Facultade de psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade conta con preto de 300 socios e desenvolve unha ampla actividade dirixida a estimular as potencialidades e habilidades sociais das rapazas e rapaces participantes, así como a dar orientación e formación aos seus pais e nais.