O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia recoñece a implicación da Xunta para incentivar as vocacións tecnolóxicas do alumnado
O conselleiro de Cultura e Educación e a directora da Amtega recolleron o Premio Iniciativa da Administración por desenvolver o “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia”
Os resultados da enquisa anónima realizada entre alumnos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato servirán para abordar posibles medidas orientadas a difundir o atractivo destas carreiras, así como as súas diversas saídas laborais
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, recolleron hoxe o Premio Iniciativa da Administración, un galardón outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia pola elaboración do “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia”.
Trátase dun documento que permitirá identificar as causas da baixa matriculación en estudos tecnolóxicos –tan só o 9% dos futuros universitarios galegos apostan por esta vía– e propoñer, en consecuencia, posibles medidas de impulso para fomentar o atractivo destas carreiras e difundir as súas diversas saídas laborais.
A iniciativa enmárcase nos compromisos da multinacional Everis como asinante, xunto con outras 11 empresas do sector TIC e o Clúster TIC Galego do Pacto Tecnolóxico de Galicia, promovido pola Amtega. A elaboración do estudo, en fase de elaboración, estase a realizar grazas ao convenio asinado o pasado mes de xaneiro entre a Consellería, a Amtega e a everis”.
Compromiso educativo coas TIC
Ademais de agradecer o galardón recibido, o conselleiro Román Rodríguez lembrou o compromiso do Goberno da Xunta coa integración das TIC nos centros educativos galegos a través de proxectos como o Abalar, o E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), encamiñados a superar a brecha dixital e lograr a equidade no ensino. Esta aposta polas TIC tamén se visualiza no investimento de máis de 11 millóns de euros que se destinará a dixitalizar o 100% das aulas do ensino público de Galicia a partires de 5º de Primaria.
Pola súa parte, Mar Pereira sinalou que o sector tecnolóxico é unha das áreas con maior potencial de emprego a futuro, con máis de 100.000 novos empregos ao ano en Europa. Por iso é preciso coñecer porque máis do 90% dos futuros universitarios desbotan encamiñar o futuro laboral cara esta área.
A directora da Amtega destacou que desde a Xunta queremos traballar coas universidades e co sector TIC para impulsar as vocacións tecnolóxicas e novos perfís dixitais que satisfagan as necesidades do mercado a medio e longo prazo.
Enquisa online para testar factores de influencia
Para poder obter a información precisa, analizala e plasmala no estudo, realizouse unha enquisa online e anónima para coñecer a situación das vocacións tecnolóxicas entre alumnos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato. O obxectivo é coñecer, xa dende o primeiro intre en que o alumado comeza a dirixir o seu itinerario formativo de cara a realizar uns determinados estudos nun futuro, cales son os factores son os que máis lle inflúen á hora de tomar esas decisións.
A partir deses resultados buscaranse fórmulas para potenciar as carreiras científico-tecnolóxicas (matemáticas, física, química, enxeñaría informática e enxeñaría de telecomunicacións) entre os estudantes pre universitarios galegos, tendo en conta a importancia destes estudos na realidade económica actual e, sobre todo, futura.
Pacto Tecnolóxico de Galicia
A elaboración do “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia” enmárcase nos compromisos de everis como asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia, un acordo a través do cal tanto o Goberno galego como as empresas implicadas asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento á Comunidade, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas co obxectivo de conseguir o crecemento do sector.
Ademais de Everis, subscribiron o acordo as empresas tecnolóxicas HP, Telefónica, Vodafone, Indra, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia.