Un total de 138 persoas superaron as probas para a obtención dos carnés e habilitacións profesionais que outorga a Consellería de Cultura e Educación
Vén de publicarse no portal educativo a listaxe provisional de participantes aptos tras a realización das probas
Un total de 138 persoas superaron as probas para a obtención de carnés profesionais e habilitacións profesionais en materia de seguridade industrial e calidade do aire convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a convocatoria ordinaria do ano 2015. As listaxes provisionais de aspirantes aptos poden consultarse no portal educativo, na ligazón http://www.edu.xunta.gal/fp/listaxes-datas-lugares-probas-convocatoria-2015 .
O obxectivo desta convocatoria é facilitar a obtención dun documento que acredite que se posúe a capacitación profesional requirida por cada especialidade que será avaliada e certificada pola Administración educativa, de tal formas que as persoas que obteñan os carnés e habilitacións poidan acceder con garantías ao mercado laboral. A iniciativa enmárcase, así, na política desenvolvida pola Consellería en prol da formación ao longo da vida, mellora da empregabilidade e fomento do autoemprego que se completa coas convocatorias periódicas que se desenvolven polo procedemento de acreditación de competencias pola experiencia laboral.
Especialidades
Por especialidades, e segundo as listaxes provisionais, 11 persoas obtiveron o carné profesional de instalacións térmicas de edificios, 2 o de instalador de produtos petrolíferos líquidos de categoría I e outras 3 o de categoría II. As probas para a obtención do certificado de cualificación individual como instalador/ora de gas na categoría A foron superadas por 4 persoas aspirantes, mentres que outras 5 aprobaron as da categoría B e 1 a da categoría C.
Así mesmo, 2 persoas superaron o exame na especialidade de operador/ora de guindastre móbil autopropulsado na categoría A, e 18 o de operador/ora de guindastre torre. Ademais, 91 persoas obtiveron o carné profesional de operador industrial de caldeiras e 1 aspirante o de reparador/ora de produtos petrolíferos líquidos na categoría III.
Para ser consideradas como aptas, as persoas candidatas deben superar as dúas partes da proba: un exercicio teórico escrito consistente na resolución dun cuestionario tipo test; e outra que, segundo determine o tribunal, pode consistir nun suposto práctico escrito ou nunha proba real de manipulación ou manexo.