A consellería de Educación adapta á Lei de cualificacións profesionais dous novos currículos de FP
O Consello da Xunta aprobou hoxe os currículos dos ciclos medios de Produción Agropecuaria e Produción Agroecolóxica
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á aprobación de dous novos decretos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a adaptación dos currículos dos ciclos medios de Produción Agropecuaria e Produción Agroecolóxica á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións. Ambos os títulos son de nova creación respecto do catálogo anterior, ben que o ciclo de Produción Agropecuaria, refunde os ciclos de Explotacións Agrarias Extensivas, Explotacións Agrícolas Intensivas e Explotacións Gandeiras, co fin de conseguir un currículo adaptado ás demandas profesionais do sector. Deste xeito ponse de manifesto a importancia deste sector para a Xunta de Galicia.
Deste xeito, a Consellería leva xa adaptados 26 currículos nesta lexislatura (12 de grao medio e 14 de superior), quedando estes tamén harmonizados co Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.. Ademais, aprobou un novo decreto para regular a FP e modernizala, incluíndo nestes as novas tecnoloxías e as linguas estranxeiras. Deste xeito dáse pulo a unha FP que facilita a posterior empregabilidade dos futuros titulados nos diferentes campos profesionais; que xa de por si acadan altas taxas de inserción laboral.
Prácticas e prevención de riscos
A partir desta adaptación, estes ciclos formativos pasan a ter unha duración de 2000 horas, e inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.
Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita o alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.
Por outra banda, e co fin de facilitar a mobilidade desde a FP cara a outros estudos, nos novos currículos queda establecida a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias.