Román Rodríguez salienta a capacidade científica de Galicia para converterse en referente da acuicultura

O conselleiro de Cultura e Educación participou na inauguración da duodécima edición do Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura, que servirá de punto de encontro entre expertos e investigadores nesta materia

O evento esténdese ata este sábado e pretende propiciar un achegamento entre ciencia e industria

Lun, 22/06/2015 - 12:30
Román Rodríguez salienta a capacidade científica de Galicia para converterse en referente da acuicultura
Román Rodríguez salienta a capacidade científica de Galicia para converterse en referente da acuicultura

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto de inauguración da duodécima edición do Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura, un evento de gran relevancia mundial, celebrado por primeira vez en España e organizado pola Universidade de Santiago co apoio da Asociación Internacional de Genética e a Fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar)­­.

Na súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta salientou a capacidade científica e tecnolóxica da Comunidade galega para chegar a converterse “en referente da acuicultura do futuro”, sinalou. Segundo recordou Román Rodríguez, “Galicia non é allea ao crecemento da acuicultura, pois podemos presumir de contar con parques de cultivo, granxas e criadeiros e, sobre todo, contamos cun enorme potencial de expansión. Por iso se constituíu –proseguiu o conselleiro– o soporte científico-académico necesario para que o sector acuícola galego se sitúe na vangarda”.   

Neste caso, o simposio servirá para afondar nesa meta final, ao ser un punto de encontro entre expertos e científicos, que compartirán e intercambiarán impresións acerca dos últimos resultados das investigacións máis recentes sobre xenética en acuicultura. Deste xeito, e ata este próximo sábado, daranse cita en Santiago os principais expertos mundiais nesta materia, así como as empresas do sector, co obxectivo último de propiciar un achegamento entre ciencia e industria.

De feito, e ademais de visitar a área de expositores, as empresas poderán asistir a unha mesa redonda sobre a importancia das tecnoloxías xenómicas e xenéticas para a industria europea de acuicultura, así como a encontros bilaterais cos maiores expertos internacionais neste eido en aras de impulsar a cooperación tecnolóxica.

Promover contactos entre o mundo da investigación e o empresarial

Ademais, a industria será a protagonista dos actos do mércores, cando terá lugar esa mesa redonda sobre transferencia de tecnoloxía. Trátase, en definitiva, de promover e facilitar os contactos entre o mundo da investigación e o empresarial para así aproveitar e levar á práctica os avances na ciencia e establecer sinerxías.   

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Consellería de Cultura e Educación e da Consellería de Economía e Industria –mediante a Axencia Galega de Innovación e do IGAPE–, así como tamén do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e dun nutrido grupo de empresas dos sectores da acuicultura e da biotecnoloxía.