A Consellería de Cultura e Educación concede 147 axudas para continuación de estudos universitarios no curso académico 2014/2015
O obxectivo destas bolsas é financiar os gastos derivados da matrícula no presente curso académico dos alumnos e alumnas de segundo e cursos posteriores
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se conceden un total de 147 axudas para financiar os gastos derivados da matrícula no presente ano académico dos alumnos e alumnas de segundo e posteriores cursos universitarios, cun orzamento executado que supera os 91.400 euros.
Os destinatarios das axudas son os estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que non puideron optar á bolsa de carácter xeral e de mobilidade do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) para o curso 2014/2015 polo endurecemento dos requisitos académicos.
O obxectivo destas bolsas é que os alumnos e alumnas de segundo e posteriores cursos nunha universidade do SUG poidan ter a matrícula de balde, facilitando deste xeito o acceso a estudos superiores daqueles alumnos que polas súas circunstancias non poden asumir os gastos derivados da matrícula. A resolución pode consultarse no DOG, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150619/AnuncioG0164-100615-0005_gl.html
Requisitos
Para poder optar a estas achegas, os solicitantes tiveron que cumprir os requisitos esixidos na convocatoria. En concreto, tiñan que posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de terceiros países acreditando a condición de residente en España; non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior; estar matriculado no presente curso académico, dun mínimo de 60 créditos, en segundo e posteriores cursos nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia; ser beneficiario/a da bolsa de carácter xeral do MECD e non obtela; superar no curso 2013/2014 un mínimo do 60% dos créditos e un máximo do 65% para estudos pertencentes á rama de Ensinanzas Técnicas; e un mínimo do 80% e un máximo do 90% dos créditos para titulacións das ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas; non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula; e, por último, non superar os limiares da renda da unidade familiar requeridos.
Esta iniciativa reforza a política de apoio aos estudantes universitarios que desenvolve a Consellería dirixida por Román Rodríguez, garantindo deste xeito a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.