O conselleiro de Cultura e Educación gaba a iniciativa do IES Leixa de Ferrol, que afonda na “escola inclusiva” á vez que achega ao alumnado á realidade laboral
Román Rodríguez participou no acto de presentación dun conto escrito por un neno do CEEPR Aspanaes e posteriormente encadernado polos estudantes de FP Básica de Artes Gráficas do instituto ferrolán
Trátase dunha mostra máis das liñas de colaboración habitual entre ambos os dous centros orientada a potenciar o desenvolvemento autónomo das persoas con Trastorno do Espectro Autista
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de presentación no IES Leixa do conto “Ricardo´s Mansion”, un libro escrito por un alumno do CEEPR (Centro Privado de Educación Especial) Aspanaes e posteriormente maquetado, impreso e encadernado polo alumnado de FP Básica de Artes Gráficas do instituto ferrolán. Tras entregar o conto ao seu autor, Román Rodríguez gabou iniciativas como esta, ao subliñar que afondan nunha “escola inclusiva” ao mesmo tempo que serven para que os estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos.
Este traballo conxunto, no que se integran as diferentes capacidades para acadar un proxecto común, non é unha colaboración illada, senón que xa son habituais as liñas de cooperación entre ambos os centros, nas que se engloban os departamentos de Artes Gráficas, Sanidade e Servizos Socioculturais e á Comunidade do IES Leixa.
Neste caso, foi o alumnado de FP Básica de Artes Gráficas quen axudou a converter en realidade a idea do alumno Ricardo Pérez Montero, un libro “froito do traballo, a confianza e a ilusión compartida”, segundo sinalou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, quen tamén felicitou a todos os rapaces e rapazas participantes, así como aos dous centros.
A través deste tipo de iniciativas, os estudantes de Formación Profesional implicados coñecen de preto a realidade laboral que deberán afrontar no futuro e, ao mesmo tempo, poténciase o desenvolvemento autónomo e o autocontrol emocional das persoas con Trastorno do Espectro Autista.
Neste sentido, o conselleiro destacou o compromiso de docentes, familias e alumnos co ensino inclusivo, en liña co que leva promovendo a Consellería de Cultura e Educación nestes últimos anos. Neste contexto enmárcase o Decreto 229/2011 de atención á diversidade de alumnado, posto en marcha co obxectivo de previr e detectar de maneira temperá as dificultades de aprendizaxe.
Ao acto de presentación do conto tamén asistiron, a maiores da comunidade educativa dos dous centros, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o xefe territorial da Consellería, Indalecio Cabana.
Ciclo novidoso
Por outro lado, cómpre recordar que a oferta en Formación Profesional –publicada na súa totalidade este martes no Diario Oficial de Galicia– amplíase neste instituto, no que para o curso que vén se implantará un ciclo superior de Hixiene bucodental (en réxime ordinario e modalidade presencial) e un ciclo medio, no réxime modular para persoas adultas (modalidade presencial), de Preimpresión dixital.