Preto de 1.100 alumnas e alumnos da provincia de Lugo participaron nas actividades do proxecto de emprendemento impulsado por Cultura e Educación e a Fundación Alcoa
‘Lugo emprende’ clausurouse esta mañá nun acto celebrado no CIFP Politécnico de Lugo
A iniciativa implicou a 20 centros de ensino e 119 docentes
Preto de 1.100 alumnas e alumnos de 6ª de primaria e de todos os cursos de ESO, Bacharelato e FP da provincia de Lugo participaron nas actividades desenvolvidas ao abeiro da primeira edición do programa ‘Lugo Emprende’, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co patrocinio da Fundación Alcoa. A finalidade desta iniciativa foi a de estimular o espírito emprendedor entre os estudantes, así como a de favorecer a responsabilidade e autonomía persoal dos máis novos.
O proxecto desenvolveuse no último trimestre en 20 centros de ensino coa implicación de 119 docentes, e rematou hoxe coa entrega no CIFP Politécnico de Lugodos premios ao alumnado participante nas diferentes actividades realizadas ao seu abeiro. No acto de clausura interviron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; o director de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé; o director do centro CIFP Politécnico, Antonio Ibáñez e o subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, xornal que se encargou da difusión das actividades.
Concurso de proxectos empresariais
‘Lugo Emprende’ enmárcase dentro da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’. Ao abeiro desta iniciativa, os docentes recibiron formación específica sobre como promover o espírito emprendedor entre o alumnado e dirixilo para que unha idea se transforme nun proxecto real. Pola súa banda, os alumnos participaron en actividades de sensibilización e de formación relacionadas co mundo empresarial (como elaborar un plan de empresa, xestión de patentes, presentacións de impacto, etc) e en actividades de formación sobre temas específicos. Ademais, convocouse un concurso para o fomento da creación de proxectos empresariais, do que hoxe se entregaron os galardóns.
Na modalidade A - dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e de ESO- o primeiro premio foi para “BRANCO E EN BOTELLA”, de Lucía Rodríguez Méndez, Rocío López Juanes e Javier Gómez Souto, do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro). O segundo premio foi para “COPI” de Zaira Pontes Jordá e Paula Mazoy Coritiñas, do CEIP Luís Pimentel (Lugo). Por último, o terceiro premio recaeu no proxecto “FÁBRICA DE IOGURES DE PEDRAFITA DO CEBREIRO” de Martín Gómez Souto e Patricia Montero López, do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro).
No caso da modalidade B – dirixida ao alumnado de Bacharelato e FP- o primeiro premio foi para “VINO MERCEDES S.L.”, de Raisa Fanego Vázquez, Natalia Rey Pintor e Alba Mª Sangil de Andrés, do CIFP As Mercedes (Lugo); e o segundo para “AGRO ENERGY”, de Diego Obarrio Palomo, Marcos Obarrio Palomo e Javier Morán Gueimonde, do CIFP Politécnico de Lugo (Lugo). O terceiro galardón recaeu no proxecto “TUKIO EVENTOS”, de Jairo Vázquez Rodríguez e Rocío Sanfiz Piñeiro, do CIFP As Mercedes (Lugo).
A aposta pola educación da Fundación Alcoa
Coa súa participación neste programa, ao que achegou uns 49.500 euros, a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación da mocidade, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como os programas ‘A Coruña emprende’ e ‘A Mariña emprende’.
Así mesmo a Fundación Alcoa vén respaldando proxectos de institucións e organizacións para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.