Cultura e Educación oferta 28.450 prazas de primeiro curso en centros públicos que impartirán formación profesional no curso 2015/2016
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de ciclos que se poñen a disposición da cidadanía, e que se varía cada ano en función da demanda e das necesidades de cada comarca
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria oferta para o curso 2015/2016 un total de 28.450 prazas en primeiro curso nun total de 1.144 grupos en ciclos de Formación Profesional en centros públicos, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Delas, 17.560 forman parte do réxime ordinario – 8.730 en grao medio e 8.830 en grao superior-, mentres que outras 4.583 son do réxime modular para persoas adultas – 2.363 en grao medio e 2.218 en grao superior-, 2.150 do réxime modular a distancia – 800 en grao medio e 1.350 en grao superior-, 3.900 en FP Básica, e outras 257 en FP Dual – 125 en grao medio e 132 en grao superior-.
A oferta, moi similar en termos e cifras xerais á do curso 2014/2015, modifícase cada ano para adaptarse á demanda e ás necesidades expresadas polos centros educativos; diante do importante interese que esperta a FP. Neste sentido cómpre lembrar que en toda Galicia máis de 53.000 alumnas e alumnos cursan no presente curso ensinanzas de FP – 1º ou 2º curso de ciclos de grao medio ou superior, ciclos de FP básica ou programas formativos básicos-, máis do 86% deles en centros públicos.
Cómpre sinalar, ademais, que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior empregabilidade para o alumnado da FP galega e nunha maior e máis axustada cualificación dos traballadores. Neste sentido cabe sinalar, ademais, que o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa coa implantación progresiva de proxectos-piloto de FP Dual – 6 novos abren agora a súa matrícula-, unha modalidade especialmente pensada para favorecer o acceso ao mercado laboral dos máis novos.
O prazo de preinscrición nos ciclos comeza o día 17. Os diferentes prazos de matrícula poden consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/informacion-xeral-admision dentro do portal educativo.