O secretario xeral de Política Lingüística presenta ‘Estamos no verán!!!’, A nova actividade de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’

Trátase dun espectáculo de música refrescante, orixinal e en galego con Xoán Curiel e a banda Son+d2 para nenas e nenos de 7 a 12 anos

A actividade chegará a 18 concellos durante as fins de semana e os festivos, para reforzar e ampliar a oferta de lecer na nosa lingua propia

Ven, 12/06/2015 - 18:17
 O secretario xeral de Política Lingüística presenta ‘Estamos no verán!!!’, A nova actividade de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’
O secretario xeral de Política Lingüística presenta ‘Estamos no verán!!!’, A nova actividade de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en rolda de prensa a segunda proposta do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

“Súmase ao FalaRedes 2015 unha nova proposta musical pensada para dinamizar o uso da nosa lingua en rapaces de 7 a 12 anos e tamén para apoiar e para reforzar a programación de verán dos concellos da RDL”, explicou o secretario xeral, quen estivo acompañado polo músico Xoán Curiel, xestor e autor da idea orixinal de Estamos no verán!!!

Novos concertos para a xente miúda da casa

No seu afán de promover o uso e a valoración positiva do noso idioma, FalaRedes suma ao seu programa de actividades un espectáculo de música para nenas e nenos de 7 a 12 anos que fará bailar a toda a familia.

Deste xeito, durante dous meses Xoán Curiel viaxará acompañado pola banda Son+d2 e pola bailarina Marta Alonso, cun feixe de historias para cantar, brincar e gozar na nosa lingua, facéndoa protagonista do tempo de ocio.

Logo da primeira función no Auditorio Multiúsos de Santa Comba, Estamos no verán!!! chega a Cariño, este venres 12 ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, e ao Rosal, o domingo 14 ás 19:30 horas no Auditorio Municipal. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Os seguintes pases acolleranos os concellos coruñeses de Ordes, Muxía e Miño. Xa no mes de xullo Estamos no verán!!! visitará as localidades de Ames, Xove, Ortigueira, Fisterra, Baiona, Malpica de Bergantiños, Nogueira de Ramuín, Vilamarín, Barreiros, Ribadumia, Bueu e O Grove. O calendario completo da actividade estará dispoñible en www.lingua.gal.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística celebra á súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que se integran nel ano a ano buscan cumprir os obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata final de ano chegará aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade nas preto de 170 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2015 e nas redes sociais.l

Menús News node R