Román Rodríguez destaca os valores educativos da creación audiovisual na proxección de curtas que clausurou ‘Cine en curso’
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria compartiu hoxe na Coruña con máis de 80 estudantes a última xornada deste programa pedagóxico internacional, que coordina en Galicia o CGAI dentro do Plan Proxecta
Os alumnos, de entre 9 e 18 anos e procedentes de Cangas, Chantada, Pazos de Borbén e A Fonsagrada, reuníronse na filmoteca galega para exhibir e dialogar sobre catro pezas documentais nas que amosan vivencias ou espazos das súas localidades
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe na Coruña os distintos valores pedagóxicos adicionais que lle reporta ao alumnado o traballo activo nas distintas fases do proceso de creación audiovisual. Así o expresou nun acto celebrado no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), no que acompañou a máis de oitenta estudantes, mestres e profesionais na proxección de clausura do programa ‘Cine en Curso 2014-2015’.
O titular de Cultura e Educación da Xunta de Galicia referiuse á importancia da innovación nos modelos educativos e á transcendencia da formación artística como os principais elementos que presiden este proxecto internacional, do que forman parte España, Arxentina e Chile, e que coordina para Galicia o CGAI dentro do Plan Proxecta da Dirección Xeral de Innovación Educativa.
Os participantes de ‘Cine en Curso’, alumnos e alumnas de entre 9 e 18 anos procedentes do CEIP A Rúa de Cangas de Morrazo, do IES Val do Asma de Chantada, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén e do IES Fontem Albei da Fonsagrada reuníronse esta mañá na sala de proxeccións da filmoteca galega para expoñer e ver as catro curtametraxes documentais realizadas por eles coa axuda dos docentes e baixo a titoría de realizadores, guionistas, directores de fotografía e montadores profesionais.
Alfabetización audiovisual
Román Rodríguez, que participou no acto xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director do CGAI, Guillermo Escrigas; a delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo; e mais as codirectoras xerais de ‘Cine en Curso’, Nuria Aidelman e Laia Colell, subliñou tamén a achega deste programa ao cumprimento dos obxectivos europeos de alfabetización audiovisual e detallou os méritos derivados da práctica cinematográfica, como son a capacidade de observación, o fomento da autonomía individual, o exercicio do traballo en cooperación ou a asunción de responsabilidades individuais e colectivas.
De feito, ‘Cine en curso’ é un programa pedagóxico sobre o cinema a través do cinema. Nel, os estudantes descobren a sétima arte co visionado e reflexión sobre películas de todas as épocas e culturas, ao tempo que lles dedican os últimos meses a varios obradoiros para a escrita dun guión, a planificación, a rodaxe e a montaxe da súa propia curtametraxe documental. A metodoloxía de ‘Cine en Curso’ baséase en enlazar os valores cinematográficos cos pedagóxicos a través da apreciación da contorna próxima e do rigoroso traballo persoal e en común que leva a cabo o grupo de participantes, moi diverso tanto polo abano de idade como polos contextos xeográfico, socioeconómico e cultural nos que se integran.
Compartir experiencias próximas
Os alumnos dos catro centros educativos galegos seleccionados para participar na modalidade de talleres de ´Cine en curso’ foron os que hoxe protagonizaron a xornada no CGAI, a través da proxección de cadanseus filmes e da conversa posterior sobre o proceso de creación e as experiencias vividas arredor dos mesmos.
Así, os rapaces do CEIP A Rúa presentaron na curta titulada ‘Deixando atrás’ os recordos da emigración que partiu de Cangas cara a América, baseándose en fotografías, cartas e voces que transmiten as emocións das despedidas, da separación e da viaxe. Este centro participa por segundo ano en ‘Cine en curso’ e despois de ter acadado en 2014 o Premio Nacional de Alfabetización Audiovisual que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
‘Flúe o Miño entre socalcos’ foi a obra presentada polo IES Val do Asma para retratar o pasado e o presente do oficio artesán da Ribeira Sacra, a viticultura, a través da captación de paisaxes, retratos, labores e adegas da beira do río.
O CPI Curros Enríquez exhibiu en ‘Mudando lares’ un recordo da emigración dos veciños de Pazos de Borbén a Salvador de Baía no século XX, así como as novas costumes e influencias que trouxeron co seu retorno.
Pola súa banda, os alumnos do IES Fontem Albei trazaron en ‘O camiño do tempo’ un percorrido pola Fonsagrada e as súas proximidades, no que se retratan lugares, xentes e traballos cotiáns para transmitir o contraste de sensacións que se crea entre a nostalxia e a soidade dalgúns lugares e persoas e a actividade e compañía doutros.
Todo o proceso de creación destas películas, así como o de todos os centros participantes, pode seguirse en www.cineencurso.org e en blog.cineencurso.org.