A Consellería de Cultura e Educación recibe a aprobación para liderar dous consorcios dentro da convocatoria Erasmus+
Estas dúas actividades, financiadas pola Unión Europea, darán resposta e complementarán tanto os plans de formación do profesorado como os de potenciación de linguas estranxeiras en Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coordina a aprobación, dentro da convocatoria deste ano, de dous consorcios dentro do Programa Erasmus+ de mobilidade de profesorado KA1, que terán unha duración de dous anos e estarán financiados pola Unión Europea.
O primeiro, denominado CLIL+, vai destinado á centros públicos plurilingües en inglés de educación secundaria e estará conformado por catro centros con necesidades comúns: IES de Ames, IES A Paralaia (Moaña), IES San Rosendo (Mondoñedo) e IES Fontem Albei (A Fonsagrada).
O segundo, IMPORTA, ten por obxecto fomentar a lingua portuguesa en centros con seccións bilingües ou que a impartan como segunda lingua estranxeira. Neste consorcio participarán un total de cinco centros: IES de Cacheiras, IES Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Félix Muriel (Rianxo), IES María Soliño (Cangas) e o IES de Valga.
Fases
Ambos consorcios están conformados por catro fases, que van dende a detección das necesidades lingüísticas do profesorado a unha estancia de dúas semanas en Reino Unido e Portugal, dependendo do consorcio, e terminando cunhas unidades didácticas integradas que fomentarán o traballo por proxectos e competencias que se aplicarán na docencia das diversas materias.
As actividades darán resposta e complementarán tanto os plans de formación do profesorado como os plans de potenciación de linguas estranxeiras en Galicia, ademais de afondar na promoción da Lingua Portuguesa.