O II certame OUFF escola premia os mellores proxectos audiovisuais en galego elaborados nas aulas

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou o audiovisual como “un sector consolidado para impulsar o uso do idioma”

Mar, 05/10/2010 - 18:39
Anxo Lorenzo, na entrega de premios do OUFF Escola
Anxo Lorenzo, na entrega de premios do OUFF Escola

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, gabou hoxe “o importante labor de promoción do galego no ámbito audiovisual” que se leva a cabo a través do OUFF Escola. Anxo Lorenzo fixo estas declaracións durante a rolda de prensa previa á entrega de premios deste certame, que tivo lugar esta mañá no Auditorio Municipal de Ourense.

“Os obxectivos que persegue o OUFF Escola son centrais para ampliar a presenza do galego no audiovisual, unha sector consolidado para impulsar o uso do idioma”, afirmou Anxo Lorenzo. “Por iso –continuou– a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén colaborando desde o inicio con esta iniciativa”.

Por outra banda, o secretario xeral fixo fincapé na vertente educativa do certame, xa que o OUFF Escola “aposta pola mostra audiovisual en galego feita nas aulas”. Neste sentido, destacou tamén a implicación e o importante traballo que realizan os equipos de dinamización da lingua galega en gran parte dos proxectos que se presentan no certame.

Xunto con Anxo Lorenzo, tamén interviron na rolda de prensa a responsable de Cultura do Concello de Ourense e presidenta do Consorcio do Festival de Cine de Ourense, Isabel Pérez, e o director de programación do OUFF, César Silva. Así mesmo, estiveron presentes no acto o director do OUFF, Enrique Nicanor, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, entre outros.

Os centros premiados

Nesta segunda edición do Certame OUFF Escola participaron un total de 61 proxectos, fronte aos 34 do ano pasado. O mellor traballo na categoría de infantil e primaria foi Un camiño inesquecible, do CEIP A Igrexa – Calo, en Teo. O segundo premio foi para o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, polo traballo Quen é ese neno. O CEIP A Carballeira, de Lourizán, en Pontevedra, fíxose co terceiro premio desta categoría grazas a A maldición do Samaín, mentres que o Premio Blanco Amor ao mellor guión foi para Un propósito constante, do CEIP Carballedo, en Cotobade.

Na categoría do resto de niveis de ensino non universitario, o primeiro premio foi para o traballo Xemelgos, presentado polo IES Europa de Ponferrada. O IES Porto do Son fíxose co segundo premio grazas a Mar, mentres que o terceiro premio foi para Dairas, do IES Manuel García Barros da Estrada. Smóking pesadelo, do CPI Cabo da Area, en Laxe, foi galardoado co Premio Blanco Amor ao mellor guión.

Finalmente, o xurado propuxo dúas mencións especiais nesta última categoría. A primeira delas, polo valor documental, concedeulla ao filme Curros 1936, do IES de Barro, en Pontevedra. Recibiu tamén mención especial Sen saída, do IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras.

O Certame OUFF Escola

Ademais de fomentar a creatividade audiovisual e de impulsar o uso da lingua galega entre os máis novos, entre os obxectivos do OUFF escola tamén se encontran coñecer a visión do alumnado sobre o seu contorno sociocultural e mais impulsar o traballo en equipo. Ao mesmo tempo, búscase potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual realizado nas aulas. De feito, esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos e mozas sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Menús News node R

Departamento

Colectivo