Declaración institucional no Día Mundial dos Docentes

Mar, 05/10/2010 - 08:46

Hoxe, no Día Mundial dos Docentes, reafirmamos o noso compromiso a prol da defensa da dignidade profesional e humana dos mestres e mestras que imparten o seu encomiable maxisterio na nosa terra. Dende a consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en representación das institucións autonómicas de Galicia, queremos expresar, así mesmo, a nosa vontade política de loita na procura dun sistema educativo cada vez mellor, máis xusto e solidario.

Dende que, en 1994, a UNESCO instaurou esta xornada, máis de 100 países a celebran para revalidar, ano tras ano, ese compromiso. Nós, dende Galicia, asumimos dende o primeiro momento e dun xeito total e insubornable os seus obxectivos, conscientes de que -co esforzo de todos, sen excepción de ningunha caste- conseguiremos consolidar un sistema educativo cada vez mellor.

Un sistema no que o rendemento escolar supere dun xeito definitivo as eivas do pasado, reducindo a niveis mínimos e anecdóticos o fracaso e mailo abandono escolares.

Trátase de dúas circunstancias contra as que cómpre combater sen desacougo, porque non só poñen a proba a eficacia das administracións públicas nun ámbito estratéxico e primordial da sociedade, senón que ademais cuestionan a nosa plena integración -en pé de igualdade- no concerto dos países máis cultos e desenvolvidos do mundo occidental.

Sabemos que se a educación, é dicir, a preparación ética e instrumental dos máis novos fracasa, ha fracasar tamén o país enteiro en todas as súas dimensións. Non só educativas, senón tamén políticas, económicas e culturais. Nas escolas está a semente do futuro, o porvir das novas xeracións. E todos cantos esforzos realicemos nese horizonte de mellora radical, sempre serán poucos para superar os retos e desafíos que ergue perante nós a sociedade universal.

Dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queremos contar co voso apoio imprescindible. Estamos a dar os primeiros pasos dunha nova xeira colectiva e aspiramos a que as familias galegas e mailo profesorado da nosa terra -un dos mellor preparados de España e da Unión Europea- nos acompañen nesta tan esforzada como apaixoante tarefa

Non vivimos tempos doados, pero coa axuda esencial e imprescindible de todos superaremos calquera atranco. E para iso, en primeiro lugar, debemos promover unha mellora da condicións de traballo e da estima profesional do profesorado, que redundarán nunha educación máis digna, máis avanzada e de máis calidade.

É prioritario que denunciemos -con valentía e serenidade- a crecente falta de respecto que dende algúns ámbitos sociais se proxecta sobre os nosos docentes. E iso é moi grave: un país que non asume a autoridade ética e profesional dos seus mestres e mestras, o seu respecto e mesmo a súa admiración social, terá sempre no seu interior un grave problema que nós non imos permitir que se estenda coma un cancro na nosa terra.

Investir nos homes e mulleres que imparten o seu maxisterio, é investir na construción dun futuro mellor. A semente do porvir está nas aulas.

Por todo iso, hoxe, Día Mundial dos Docentes, dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facemos un chamamento á sociedade galega para que, no seu día a día, honre e dignifique aos nosos mestres e mestras e os anime a seguir adiante co seu traballo. Foron eles os que fixeron posible o que hoxe somos todos nós. E grazas ao seu labor primordial segue adiante a nosa terra.

Declaracións de Xesús Vázquez (1)

Declaracións de Xesús Vázquez (2)