O conselleiro de Educación comprobou o avance na reparación dos danos no CEIP Manuel Rodríguez Sinde, na Guarda, afectado polo temporal deste fin de semana
No día de hoxe a unidade técnica estivo no centro e as grúas comezaron a traballar nos danos do teito, provocados por refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola tarde o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, na Guarda, afectado polo temporal de vento e choiva que este fin de semana pasou por Galicia. A rápida actuación da administración, nos traballos de reparación dos danos, permitirá que as clases recuperen á normalidade esta semana.
Posteriormente visitou o IES A Sangriña, no mesmo concello pontevedrés, no que durante o último ano investíronse preto de 275.000 euros. Durante todo o percorrido, por ambos centros, o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares. Xunto a eles tamén estivo o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez.
Os danos no CEIP Manuel Rodríguez Sinde
No CEIP Manuel Rodríguez Sinde foron suspendida as clases na xornada de hoxe por seguridade xa que as condicións meteorolóxicas adversas de onte, con refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora, afectaron onte á parte do teito do centro. O perímetro que rodea o CEIP está sinalizado desde onte por membros da Policía Local e Protección Civil. Debido a isto non foi posible abrir hoxe as portas do colexio, aínda que esta previsto que a reparación dos danos rematen este mércores. Ata entón, e por seguridade, as 154 alumnas e alumnos, non volverán ás aulas.
Durante o seu percorrido, o conselleiro sinalou que “a nosa prioridade é a seguridade dos estudantes. O noso propósito e rematar canto antes para que se reanuden as clases coa maior prontitude posible”. Por iso na xornada de hoxe xa estivo no CEIP a unidade técnica así como unha grúa que comezou cos traballos de reparación.
Na súa visita Vázquez Abad estivo acompañado polo director do colexio, Javier Carballo Vales, co que estivo a falar das instalacións do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, no que o ano pasado se investíron máis de 51.000 euros en obras de mellora.
As instalacións do IES A Sangriña
Posteriormente Xesús Vázquez Abad visitou o IES A Sangriña, tamén na Guarda. Xunto á directora do centro María del Pilar Carro Loureiro recorreu as instalacións do centro no que estudan preto de 800 estudantes, e no que se imparten clases de bacharelato, educación secundaria para persoas adultas, ciclos formativos, programas de cualificación profesional inicial e a ESO.
O IES A Sangriña conta con seccións bilingües en inglés para os estudantes de 1º, 2º e 3º de ESO nas materias de matemáticas, música, e educación plástica e visual. Neste centro a administración vén de investir durante o 2009 e o ano pasado preto de 275.000 euros en obras de reforma e mellora.