O conselleiro de Educación asiste á celebración do CXX aniversario do IES Eusebio da Guarda, na Coruña

Polas aulas do centro coruñés pasaron ao longo destes anos preto de 90.000 alumnas e alumnos

Ven, 01/10/2010 - 19:00
Xesús Vázquez Abad, hoxe na Coruña
Xesús Vázquez Abad, hoxe na Coruña

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á celebración do 120 aniversario da apertura do IES Eusebio da Guarda, na Coruña.

Durante a súa intervención no acto conmemorativo o conselleiro destacou a figura de Eusebio da Guarda, do que dixo que “a súa apaixonante biografía a prol dos intereses e dos soños da cidade herculina, forma parte das máis importantes sagas desta urbe luminosa que durante décadas deseñou as rutas da liberdade e a galeguidade”. Ademais, destacou que a experiencia humana e as inquedanzas do fundador do centro “poñen de relevo que de cando en vez o pobo, unha cidade, ten a sorte de asistir á presenza da figura dun benfeitor que consegue transformar a súa vida enteira con ambiciosos proxectos de fomento que actúan como catalizadores do avance social e do benestar colectivo”.

Por outra banda, Vázquez Abad fixo referencia ao primeiro director do centro, Xosé Pérez Ballesteros, “a persoa que comezou un programa de ensino público que axiña sería un exemplo a imitar na azarosa xeografía educativa e pedagóxica doutras terras e sociedades irmás”.

Historia e melloras

Ao longo destes anos o IES Eusebio da Guarda non só se converteu nun dos edificios educativos con máis historia de Galicia, senón que durante a época, na que no seu interior se situaba a Escola de Belas Artes, estivo matriculado un dos españois máis universais: o pintor Pablo Picasso. Polas aulas deste centro pasaron personaxes da talla de Gonzalo Torrente Ballester ou Manuel Fraga Iribarne.

O aspecto do IES Eusebio da Guarda sufriu numerosos cambios, e agora o proxecto máis inmediato é levar adiante a rehabilitación do edificio histórico e a demolición e nova construción da ampliación dos anos sesenta, renovándose así totalmente a fachada marítima.

Formación educativa

Ao longo destes 120 anos polo centro educativo pasaron preto de 90.000 alumnas e alumnos, e na actualidade están matriculados máis de mil estudantes da ESO, o bacharelato, os ciclos formativos e a educación secundaria para adultos.

No presente curso escolar o centro posúe seccións bilingües en inglés para os estudantes de 2º de bacharelato en historia da filosofía. Ademais, este ano o instituto comeza como centro plurilingüe en 1º da ESO en inglés.

No acto estiveron presentes a directora do centro educativo, Isabel Ruso de Lago; o delegado da Xunta en A Coruña, Diego Calvo; a xefa territorial de educación na Coruña, María Teresa Fernández Villaverde; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; o alcalde da Coruña, Javier Losada; o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda; e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; entre outros.