A Xunta comparte o interese da Real Academia Galega de promocionar de fometar o galego no ensino, como un dos idiomas oficiais de Galicia, en igualdade co castelán
A Xunta quere un modelo educativo equilibrado entre as dúas linguas oficiais da Comunidade, e promocionar que as novas xeracións de galegos saian da escola manexando o galego e o castelán e un terce...
A Xunta comparte o interese da Real Academia Galega de promocionar e fomentar o galego no ensino, como un dos idiomas oficiais de Galicia, en igualdade co castelán. Esta institución remitiulle ao Goberno galego a "Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia", onde se recollen as valoracións e suxestións sobre o documento que regulará o uso das linguas oficiais e estranxeiras no sistema educativo galego non universitario. A Consellería de Educación respecta e agradece a opinión da RAG, así como o seu afán construtivo, xa que non só se limita á valoración, senón que tamén fai propostas.
Educación considera que o documento elaborado pola RAG é interesante para coñecer a súa postura e a súa valoración desde a perspectiva de tratarse dunha institución centrada na promoción e o impulso dunha das dúas linguas oficiais da Comunidade; e que o Goberno galego a terá en conta á hora de redactar o texto final.
A Xunta considera que, na dirección de que os rapaces aprendan galego na escola, hai elementos importantes que incorpora o documento da Academia que hai que ter en conta e saber complementar nun modelo educativo no que tamén debe estar presente o castelán, e no que se poida introducir paulatinamente o inglés mantendo sempre a garantía de equilibrio entre o galego e o castelán. A Consellería de Educación está de acordo en que hai que preservar e promocionar -en liberdade- a lingua galega, e por iso hai puntos do documento cos que concorda; tamén, como é lóxico, e como é compromiso deste Goberno.
A Xunta de Galicia quere un modelo equilibrado entre as dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma. A RAG desenvolve un importante traballo na promoción dunha das dúas linguas de Galicia: o galego. O Executivo autonómico quere promocionar que as novas xeracións de galegos saian da escola manexando as dúas linguas oficiais e un terceiro idioma estranxeiro.
O Goberno galego ten a maior consideración pola Real Academia Galega como promotora da lingua galega; e proba disto é que, a diferenza doutras ocasións, a Xunta lle pediu opinión a esta institución.A consulta á RAG foi un dos compromisos adquiridos polo Goberno galego no proceso de consulta para acadar o maior consenso social.