A Consellería de Educación e o Ministerio asinan unha addenda ao convenio ‘Escuela 2.0’
A iniciativa enmárcase no Proxecto ABALAR, que integra este ano por primeira vez as novas tecnoloxías da información e comunicación nos centros educativos galegos
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura dunha addenda entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio do ramo para dar continuidade ao convenio ‘Escuela 2.0’. Este compromiso, asinado por primeira vez en decembro de 2009, persegue a integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos centros educativos, que prevé o uso personalizado dun ordenador portátil por parte de cada alumno e a transformación das actuais aulas en aulas dixitais.
Para adaptar esta estratexia ás necesidades da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Educación está a poñer en marcha o Proxecto ABALAR, grazas a que arredor de 14.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria poderán mellorar as súas competencias dixitais desde o curso 2010/2011. Na primeira fase deste proxecto estaba previsto investir en total máis de 12 millóns de euros, dos que 4,3 procedían da sinatura do convenio Escuela 2.0.
O obxecto da sinatura da addenda hoxe aprobada polo Consello da Xunta é o de establecer os mecanismos para a continuación deste devandito convenio, con novas aportacións económicas e os correspondentes compromisos de extensión do programa. Deste xeito, ABALAR aspira a achegar as TIC a máis de 1000 centros educativos e 87.000 alumnos ao longo desta lexislatura.
Ademais da dotación de equipamento e infraestruturas aos centros educativos, ABALAR fomenta a participación de todos os membros da comunidade educativa no uso das TIC, fundamentalmente a través do portal EspazoABALAR. Ademais, o plan recolle a posta en marcha de accións formativas para que o profesorado poida ter o maior aproveitamento didáctico destes recursos dixitais dispostos na aula.
Melloras no sistema
Cómpre recordar que a implantación do Espazo ABALAR nos centros educativos redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe. Isto esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa. Para favorecer esta participación, o proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’, que será o referente dos servizos educativos en Galicia para toda a comunidade –profesorado, alumnado, familias, ANPAS...-.
Deste xeito, as familias poderán facer un seguimento académico dos seus fillos en ‘espazoABALAR’, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores.