Anxo Lorenzo salienta o labor dos bolseiros de estadías do Centro Ramón Piñeiro a prol da investigación sobre o galego

O responsable de Política Lingüística reuniuse hoxe cos novos investigadores e investigadoras que colaborarán ata final de ano nos proxectos que ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro

Ven, 01/10/2010 - 14:39
Anxo Lorenzo, tamén participaron na reunión os titores e titoras dos proxectos n
Anxo Lorenzo,na reunión cos titores e titoras dos proxectos no que colaborarán os bolseiros e bolseiras, así como o coordinador científico e o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González e Xesús Ferro, respectivamente.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse hoxe cos novos bolseiros de estadías que colaborarán durante os próximos meses co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase dun total de 13 investigadores e investigadoras de fóra de Galicia que proceden da Universidade Ramón Llull (Barcelona), da Universidade de Zaragoza, da Universidade da Habana (Cuba), das universidades brasileiras Federal da Bahía e do Sudoeste da Bahía, da Universidade de Fez (Marrocos), da Universidade de Lisboa (Portugal), da UNAM de México, da Universidade Estatal de San Petersburgo, da Universidade de Cork (Irlanda) e das universidades italianas de Siena e de Padua.

Durante o encontro, que tivo lugar na sede do Centro Ramón Piñeiro, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu na importancia do labor que os bolseiros e as bolseiras de estadías veñen desenvolvendo desde 1997 a prol da investigación sobre a lingua e a literatura galegas, e animou os investigadores e as investigadoras que se incorporan este mes a continuar este legado. Así mesmo, salientou que “as bolsas de estadía constitúen unha importante vía para difundir a lingua galega, a súa literatura e a súa historia fóra de Galicia”. Finalmente, Anxo Lorenzo desexoulles aos bolseiros e bolseiras presentes na reunión “que o traballo do próximos meses no Centro Ramón Piñeiro constitúa unha importante contribución á súa formación académica e investigadora”.

Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron na reunión os titores e titoras dos proxectos no que colaborarán os bolseiros e bolseiras, así como o coordinador científico e o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González e Xesús Ferro, respectivamente.

As bolsas de estadías

Política Lingüística publicou onte no Diario Oficial de Galicia a resolución da adxudicación destas bolsas de estadías, convocadas por Orde do 10 de xuño de 2010. Desde o ano 1997, a secretaría xeral vén convocando ininterrompidamente estas bolsas de estadías, destinadas a licenciados e licenciadas, ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra de Galicia.

O labor do Centro Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un servizo de investigación dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo primordial a promoción e o desenvolvemento de proxectos e de programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza