O Centro Ramón Piñeiro contará con 13 novos investigadores para avanzar no desenvolvemento dos seus proxectos

O DOG publica hoxe a resolución da adxudicación das bolsas de estadías para investigadores de fóra de Galicia neste servizo de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Xov, 30/09/2010 - 16:40

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver a adxudicación das bolsas de estadías para investigadores de fóra de Galicia nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, convocadas por Orde do 10 de xuño de 2010.

En total, son 13 os investigadores e investigadoras que colaborarán nos proxectos que actualmente ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro –segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)–, entre os que se atopan traballos sobre fraseoloxía galega, terminoloxía, tradución automática, literatura medieval, recuperación de textos literarios galegos ou  identidade galega.

Estas bolsas de estadías están destinadas a licenciados e licenciadas, ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

Os investigadores e investigadoras, que colaborarán nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro ata final de ano, proceden de dúas universidades españolas, a Universidade Ramón Llull (Barcelona) e a Universidade de Zaragoza, e de dez estranxeiras: a Universidade da Habana (Cuba), as universidades brasileiras Federal da Bahía e do Sudoeste da Bahía, a Universidade de Fez (Marrocos), a Universidade de Lisboa (Portugal), a UNAM de México, a Universidade Estatal de San Petersburgo, a Universidade de Cork (Irlanda) e as universidades italianas de Siena e de Padua.

Impulsar a investigación e a difusión exterior do galego

O Centro Ramón Piñeiro é un servizo de investigación dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) que ten como obxectivo primordial a promoción e o desenvolvemento de proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión.

A través desta convocatoria de bolsas de estadías para investigadores de fóra da comunidade galega, que vén funcionando ininterrompidamente desde o ano 1997, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pretende potenciar a investigación sobre o galego. Ao mesmo tempo, as bolsas de estadía constitúen unha importante vía para difundir a lingua galega, a súa literatura e a súa historia fóra das fronteiras administrativas da comunidade.

Menús News node R

Departamento

Colectivo