Educación colabora nun programa de formación e divulgación lingüística que ten como eixo a figura de Eduardo Pondal

Política Lingüística participou na presentación de Outono Pondaliano, un proxecto da Fundación Eduardo Pondal que se desenvolverá todos os martes de novembro

Mar, 28/09/2010 - 19:40
Presentación en Ponteceso do Outono Pondaliano
Presentación en Ponteceso do Outono Pondaliano

A Fundación Eduardo Pondal presentou hoxe en Ponteceso o seu Outono Pondaliano, un programa de formación e de divulgación lingüística e cultural no que colabora a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e mais da Consellería de Cultura e Turismo.

Na presentación deste proxecto, que se desenvolverá na Fundación Eduardo Pondal durante todos os martes do mes de novembro, participaron o presidente desta entidade e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Manuel Varela; o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas; o director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; a directora do Centro Coreográfico de Galicia, Mercedes Fernández Suárez; o patrón da Fundación Eduardo Pondal José María Varela; e mais os directores e directoras dos centros educativos de Ponteceso.

A difusión da lingua galega a través de Outono Pondaliano

Durante o acto, o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, salientou o interese do proxecto Outono Pondaliano para a difusión do estudo e a preservación da vida e da obra do escritor de Ponteceso, a través, entre outros, de recursos socioculturais e educativos de temática pondaliana”.

“Ao mesmo tempo –engadiu Xoán Rivas–, o programa Outono Pondaliano constitúe unha  excelente iniciativa a prol da difusión da lingua galega”. Neste sentido, recordou que “a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración permanente con entidades de diferentes ámbitos sociais que xogan un papel destacado a prol da difusión social do galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento das súas actividades máis senlleiras”. Iniciativas coma esta da Fundación Eduardo Pondal, “pero tamén doutras entidades que xorden arredor dunha figura senlleira das letras galegas, como a Fundación Vicente Risco, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Carlos Casares ou a Fundación Rosalía de Castro”, concluíu o subdirector da secretaría xeral.

Un ambicioso ciclo de actividades

Outono Pondaliano artéllase en seis ciclos de actividades –“Creatividade pondaliana”, “Aula viaxeira pondaliana”, “Encontros pondalianos”, “XIV Simposio Pondaliano”, “Libros pondalianos” e “Cestería viva”– e nel participan, entre outros, Xesús Ferro Ruibal, Anxo Angueira e Darío Xohán Cabana.

Segundo os organizadores de Outono Pondaliano, “nunca a Eduardo Pondal se lle dedicou un ciclo de actividades tan ambicioso e variado coma este”. Neste sentido, a fundación recordou que “as actividades que se teñen realizado ata agora “quedarán eclipsadas” por un proxecto de formación e de divulgación lingüística e cultural “que se irá debullando en horario de mañá, mediodía, tarde e noite e que se dirixirá a todo tipo de público tanto escolar como adulto”.

Menús News node R

Departamento

Colectivo