Cultura e Educación convoca o concurso Eduemprende idea 2015 para fomentar o emprendemento no sistema educativo de Galicia
O certame, dirixido ao alumnado de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño, está dotado con 12.000 euros en premios
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo, convoca o concurso Eduemprende Idea 2015, destinado ao fomento do emprendemento entre o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da nosa comunidade sostidas con fondos públicos. Eduemprende Idea 2015 conta cunha dotación global 12.000 euros en premios.
Poderá participar neste concurso o alumnado matriculado no curso 2014-2015 nas devanditas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da nosa comunidade sostidas con fondos públicos. Para facelo terá que ser nun grupo conformado por un mínimo de dous e un máximo de catro membros.
Modalidades e características dos premios
Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada unha das dúas modalidades: Unha, destinada a ciclos de grao superior, e outra para ciclos de grao medio. En ambos os dous casos suporá que os tres proxectos premiados por cada modalidade se incorporen a un viveiro de empresas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, reciban asesoramento técnico do IGAPE, así como a correspondente dotación económica. Haberá dous primeiros premios, que levarán 3.000 euros; dous segundos premios, dotados cada un deles con 2.000 euros; e dous terceiros premios, recompensados con 1.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As bases íntegras pódense consultar en http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150527/AnuncioG0164-200515-0001_gl.html