A Consellería de Cultura e Educación e Repsol renovan a súa colaboración para a formación de 15 estudantes de FP Dual
O conselleiro e o director do complexo industrial petroleiro na cidade asinaron hoxe un convenio para iniciar unha nova edición nesta modalidade do ciclo formativo de grao superior en Química industrial
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña, Luis F. Llamas Gómez, asinaron hoxe o segundo un convenio de colaboración para a formación de 15 alumnas e alumnos no ciclo formativo de grao superior en Química Industrial na modalidade de FP Dual. Deste xeito renóvase a cooperación entre ambas as entidades, iniciada no ano 2013 co que foi o primeiro proxecto de formación profesional dual na cidade herculina.
Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 15 alumnas e alumnos se matriculen no ciclo de grao superior en Química industrial nesta modalidade no IES A Sardiñeira, e combinen a formación no centro con formación e traballo efectivo nas instalacións de Repsol na cidade herculina durante os cursos 2015/2016 e 2016/2017. De acordo con esta modalidade de FP, combínase a formación curricular no centro educativo coa actividade profesionalizadora remunerada e a formación na empresa. Deste xeito, o alumnado realizará o 33% da súa formación no IES A Sardiñeira e o 67% restante -repartido entre formación curricular, complementaria e actividade profesionalizadora- no centro de traballo, neste caso na refinería de Repsol na Coruña.
Ademais dos asinantes ao acto asistiron, pola parte de Repsol, o subdirector de Persoas e Organización, Ignacio Trapiella; e o xerente de Planificación, Organización e Servizos, José Ortuño; e pola da Consellería, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández.
Formación para a empregabilidade
O obxectivo da FP Dual é avanzar no nivel de cualificación do alumnado da FP galega en situacións de traballo reais, ao tempo que se facilita que as empresas impartan aos estudantes formación personalizada e adaptada ás necesidades concretas do seu funcionamento como compañía. Esta colaboración, que reflicte o proceso de diálogo aberto pola Consellería de Cultura e Educación co tecido produtivo galego, favorece a empregabilidade dos titulados da formación profesional así como o avance das empresas na nosa Comunidade Autónoma. Non en balde, o valor engadido da formación impartida nos centros de traballo supón a posibilidade de que este alumnado se cinga a obxectivos máis concretos da empresa, que non se acadarían só coa recibida no centro educativo, e permitíndolle mesmo abrir novas vías de negocio ou investigación.
O formalizado hoxe é o vixésimo proxecto de FP Dual posto en marcha polo actual goberno da Xunta de Galicia, o que supón que – contando con estas 15 novas prazas- case 300 persoas tiveron a oportunidade en Galicia de recibir unha formación profesional estreitamente conectada ao emprego e ás necesidades reais dos sectores produtivos de Galicia.
Formación e traballo efectivo
Este segundo proxecto de FP Dual desenvolvido en colaboración con Repsol no ciclo superior de Química Industrial terá unha duración de 3.170 horas, ao longo de 2 cursos. Delas, 1.749 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.052 horas impartiranse no IES A Sardiñeira e as outras 538 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 159 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.
Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 1.421 horas de actividade profesionalizadora no centro de traballo de Repsol na Coruña. Neste tempo o alumnado percibirá unha retribución a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de traballo efectivo na empresa o estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.
Seguimento do proxecto
Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora para cada estudante, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o IES A Sardiñeira designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación, e servir como interlocutor coa empresa.
Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do IES e de Repsol.