Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros aos premios fin de carreira dos universitarios galegos

O obxectivo é recoñecer a excelencia do alumnado que rematou os seus estudos no ano 2014

Lun, 18/05/2015 - 13:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, ), cunha dotación orzamentaria de 187.500 euros, os premios de fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2014 no Sistema Universitario de Galicia (SUG.

Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Os premiados recibirán unha dotación económica dun máximo de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional, un valor engadido para o seu currículo, e un apoio económico.

Destinatarios

A convocatoria, que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150518/AnuncioG0164-080515-0001_gl.html vai dirixida a ao alumnado que no curso 2013/2014 rematara os seus estudos conducentes aos títulos de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, que foran cursado de forma íntegra nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Para seren beneficiarios dos premios os candidatos deberán ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de xuño.