Cultura e Educación organiza en Santiago unhas xornadas sobre as fórmulas de éxito na xestión da investigación

O encontro reunirá aos máis recoñecidos expertos do Estado neste eido

A Consellería abriu xa o prazo de inscrición nesta actividade, que se desenvolverá os días 5, 12, 18 e 19 de xuño

Dom, 17/05/2015 - 11:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu xa o prazo de inscrición nas xornadas ‘Fórmulas de éxito de xestión da investigación en España. Ideas compartidas para a posta a punto da contorna galega’, un encontro que reunirá en Santiago de Compostela aos máis recoñecidos expertos neste eido do Estado.

O foro desenvolveranse no edificio Cimus, na capital de Galicia, os días 5, 12, 18 e 19 de xuño. O número total de prazas dispoñibles é de 45. Os interesados en participar, ao foro completo ou por sesións, deberán cubrir o formulario adxunto e remitilo a promocioncientifica.educacion@xunta.es.

Análise de modelos autonómicos

O obxectivo destas xornadas é reflexionar sobre os diferente modelos de xestión que están a funcionar en España co fin de poder aproveitar en Galicia as claves das fórmulas de demostrado éxito. Deste xeito, analizaranse as particularidades das contornas de investigación de Euskadi, Madrid, Cataluña, para o que se contará coa presenza de representantes da Fundación Vasca para a Ciencia e os Centros de Investigación Cooperativa, co Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC-bioGUNE), dos Institutos Madrileños de Estudios Avanzados (IMDEA), do Centres de Recerca de Catalunya (CERCA), e do Centre de Regulació Genòmica (CRG).

A última das xornadas estará dedicada ao modelo no conxunto de España, que será presentado pola secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela; así como á contorna de investigación en Galicia. En representación da fórmula de xestión autonómica, ademais da Consellería, participarán no foro Mabel Loza, investigadora principal do grupo BioFarma e Directora científica da Unidade de Screening de Fármacos da Universidade de Santiago de Compostela; Héctor Gómez, investigador do grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría da Universidade da Coruña, recoñecido polo ERC cunha Starting Grant; e Fernando Pérez, investigador principal do grupo de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo.