130 docentes asisten hoxe á I Xornada do Día das Letras Galegas organizada pola Consellería de Cultura e Educación

Ao longo do día sucederanse no salón de actos do edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago, conferencias, mesas redondas e comunicacións de experiencias arredor de Xosé Filgueira Valverde

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriu as sesións convidando o profesorado a estudar e transmitir o legado do autor homenaxeado este 17 de maio

Sáb, 09/05/2015 - 13:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, abriu esta mañá a I Xornada do Día das Letras Galegas, que reúne a 130 docentes arredor da figura homenaxeada este 17 de maio, Xosé Filgueira Valverde. Valentín García convidou o profesorado a afondar no coñecemento do polígrafo pontevedrés “para poder transmitirlle ao alumnado a importancia da súa obra a prol da lingua e da cultura galegas”. O secretario xeral fixo referencia á cita filgueiriana que ilustraba o programa da actividade ao indicar que “os rapaces e rapazas galegos deben ver que lles propoñemos como exemplo a seguir homes e mulleres que aspiraban a poñer a súa vida e a súa obra ao servizo de Galicia”.

Acompañaron a García Gómez na mesa de apertura da xornada Xoán Carlos Rodríguez Pérez, asesor docente do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Xulia Marqués Valea, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega, e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega (RAG).

Intenso programa de traballo

A intervención do secretario xeral foi seguida pola conferencia inaugural –“Ciencia e conciencia na vida e na obra de Filgueira Valverde”-, que correu a cargo do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Seguidamente, tivo lugar unha mesa redonda en que participaron os profesores e investigadores do Centro de Investigación Ramón Piñeiro (CIRP) José Luís Cochón –co relatorio “Don Xosé como educador antes e despois”- e Luís Alonso Girgado –que falou sobre “Filgueira Valverde e a prensa”-; o académico da RAG e investigador do CIRP Xesús Ferro Ruibal –cuxa intervención levou o título “Filgueira Valverde: pensamento e acción”- e o mestre do CEIP O Piñeiriño Germán Torres de Aboal, que se ocupou da “Precocidade de Filgueira no eido das letras”.

Xa pola tarde, Ástrid Filgueira Álvarez –profesora e colaboradora da Fundación Filgueira Valverde - impartirá o relatorio “A Fundación Filgueira no século XXI: comezamos na rede”, que foi seguido polas intervencións do profesorado no Concurso-Exposición Letras Galegas 2015, tanto na modalidade de infantil e primaria como na de secundaria, formación profesional, bacharelato e ensinanzas especiais. Pola primeira das modalidades, presentará o material “Traballando co vello profesor”, do CEP Salustiano Rey Eiras, a profesora María del Carmen Dios Fernández e, pola de secundaria, dará a coñecer o material titulado “Filgueira Rima con Armenteira” o director da EPAPU Río Lérez Carlos Manuel Medina Filgueira.

A seguir, os docentes Francisco Guitián Valeiro (CEIP Galán); Susana Lamela Pérez (CEIP Nosa Señora dos Remedios), xunto con Ana María Mariño Álvarez (CFR de Vigo); Aurora Gay Méndez (CEIP A Ponte); Concepción Arias Neira (CEIP Plurilingüe A Magdalena); Germán Torres de Aboal (CEIP O Piñeiriño); Ivana García e Rosa Barreiro (ambas do CRA Nosa Señora do Faro) e Gerardo Rodríguez Ramos (IES Espiñeira) presentarán diversos recursos didácticos elaborados este ano en diferentes centros educativos para divulgar entre o alumnado a obra de Filgueira Valverde.

Programación das Letras Galegas

A I Xornada do Día das Letras Galegas. Xosé Filgueira Valverde, é promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional no marco da programación que a Xunta de Galicia destina a conmemorar o 17 de maio e a difundir a vida e a obra do autor homenaxeado en tal data. Unha programación que inclúe exposicións, xincanas, audiovisuais, edicións conmemorativas e outras moitas iniciativas que poden consultarse nos webs www.lingua.gal e www.cultura.gal.

Menús News node R