Román Rodríguez apela á responsabilidade das familias respecto á proba de 3º de primaria, xa que é unha oportunidade para mellorar o sistema educativo no seu conxunto
O conselleiro de Cultura e Educación recalcou que o que se somete a avaliación é o propio sistema co fin de detectar posibles lagoas no proceso de aprendizaxe e de ensino e, deste xeito, poder corrixilas
“Faise con afán de mellorar o sistema, non para discriminar nin segregar ao alumnado”, subliñou
Invitou aos grupos políticos a que non fagan demagoxia cunha proba practicamente idéntica á avaliación de diagnóstico implantada polo Goberno socialista e sen ningún tipo de chamada ao boicot no seu momento
Asegurou que, de non facerse a proba, sairá prexudicado o conxunto do sistema pero, sobre todo, aqueles nenos e nenas aos que se lle detecten carencias educativas
Insistiu en que non terá efectos no expediente académico do alumnado nin haberá ránkings de centros, pero permitirá coñecer as debilidades e poñer en marcha medidas correctoras
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fai un chamamento á responsabilidade das familias no que atinxe á proba de 3º de Primaria, xa que o alumno é o principal beneficiado na medida en que os resultados que se deriven permitirán deseñar políticas de mellora do sistema educativo en xeral.
Na súa intervención ante o pleno do Parlamento, Román Rodríguez explicou que “para poder mellorar hai que coñecer onde se está e cal é o punto de partida” e, neste senso, a avaliación “é a mellor forma para descubrir as posibles lagoas ou debilidades na metodoloxía e no funcionamento do proceso de aprendizaxe e de ensino”. “Non hai que ter medo a saber onde se está para poder avanzar e mellorar”, abondou o conselleiro, quen recalcou que esta proba se fai “co afán de mellorar o sistema, non para discriminar nin segregar ao alumnado”, senón que “é o propio sistema educativo o que se somete a avaliación e a exame”.
Segundo dixo, esta proba permitirá coñecer desde o inicio que grao de competencias adquiren os nosos nenos e nenas, detectar canto antes posibles carencias e poñer en marcha medidas correctoras. Por tanto, segundo o conselleiro, opoñerse a esta proba significa prexudicar ao conxunto do sistema pero, sobre todo, a aqueles alumnos que presenten maiores carencias ou debilidades educativas.
O conselleiro lembrou que a proba de 3º practicamente a mesma que a que implantou o Goberno socialista e que leva funcionando hai anos, sen ningunha chamada ao boicot. Isto corrobora, segundo o conselleiro, que o actual rexeitamento á proba de 3º de Primaria “non se fundamenta en cuestións pedagóxicas nin educativas, senón nun “posicionamento político” contra a LOMCE. Por iso invitou aos grupos parlamentarios a que non fagan demagoxia e alimenten mensaxes “que só prexudican aos nosos nenos”.
Así mesmo, Román Rodríguez desbotou o termo “reválida” xa que a proba carece de valor académico no expediente do alumno e, ademais, non se van establecer ránkings de centros. Fronte ás críticas á mesma, insistiu en que os escolares serán os principais beneficiados, posto que os resultados das probas permitirán adoptar medidas de mellora no ensino.
Un elemento máis de reforzo
A proba de 3º de Primaria –que en Galicia se realizará os días 27 e 28 deste mes- configúrase como unha avaliación individualizada sobre o grao de destrezas, capacidades e habilidades en dúas competencias concretas: comunicación lingüística e matemáticas. Deseñada pola Consellería de Cultura e Educación, é unha ferramenta metodolóxica complementaria, un elemento máis de reforzo educativo tanto a nivel de centros como de alumnos.
Segundo recalcou o conselleiro, segue a mesma estrutura que a avaliación de diagnóstico de 4º que establecía a LOE e que se viña facendo nos últimos anos, co engadido de que agora as familias van recibir un informe sobre o seu neno ou nena, do que antes non dispoñían. É dicir, trátase dunha avaliación diagnóstica individualizada de carácter informativo e orientador para os alumnos, para os centros, para as familias e para a Administración educativa, cuxos resultados servirán para mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.
Neste senso, o responsable de Educación do Goberno galego comprometeuse a seguir traballando pola mellora e a calidade do ensino, apostando por un sistema máis flexible, con atención personalizada e orientado á prevención de problemas a través da avaliacións, impulsando a cultura do esforzo, a autonomía dos centros e buscando acadar a igualdade real de oportunidades.