A nova exposición da Biblioteca de Galicia recupera o labor editorial e cultural de Bibliófilos Gallegos
A mostra, promovida pola Consellería de Cultura, percorre a traxectoria deste proxecto galeguista a través de máis de 70 libros e documentos
O secretario xeral de Cultura destacou o papel da editorial a prol da creación literaria e da difusión do libro en galego durante a posguerra
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recupera o labor editorial e cultural de Bibliófilos Gallegos cunha exposición organizada pola Biblioteca de Galicia que percorre a traxectoria da editorial a través dunha selección de máis de 70 libros e documentos. ‘A editorial Bibliófilos Gallegos. Un proxecto cultural galeguista na posguerra’ é o título baixo o que se presenta a mostra, que pretende ser unha homenaxe á contribución realizada por esta editorial á cultura galega, así como ás persoas que a fixeron realidade.
Así o explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de presentación da exposición, no que tamén participaron a presidenta da Fundación Bibliófilos Gallegos, Araceli Filgueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; o académico da lingua galega Xesús Ferro; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Xosé Fernando Filgueira; e a diretora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, entre outros.
Bibliófilos Gallegos, que nace no ano 1949, é a primeira empresa na posguerra que en certo modo lle volve dar un pulo galeguista á edición na nosa terra, afirmou Anxo Lorenzo, quen recordou que, ademais da edición de obras clásicas, a editorial levará a cabo un destacado labor de promoción da creación literaria en galego con iniciativas como a posta en marcha dun certame literario. A pesar da súa importancia na recuperación dos textos e obras galegas, “o papel da editorial coidamos que aínda debe ser máis coñecido, por iso queremos contribuír á divulgación do seu labor, do que significou para o libro e a cultura galega, a través deste proxecto”, asegurou.
Achegamento a Filgueira Valverde
“Poñer en valor a importancia destes primeiros intentos editoriais de posguerra no ámbito galego, lembrar o interese das súas publicacións e homenaxear as persoas que fixeron posible este proxecto” son os obxectivos principais desta exposición, dixo Anxo Lorenzo. Nese sentido, explicou que a mostra tamén constitúe “un achegamento á figura de Xosé Filgueira Valverde, cofundador e director da editorial, no marco da conmemoración das Letras Galegas 2015”.
Filgueira participou desde a primeira liña en proxectos que tiveron unha contribución fundamental ao desenvolvemento da nosa cultura como Bibliófilos Gallegos. “Por iso, con esta mostra –explicou o secretario xeral de Cultura–queremos recordar o seu traballo a prol da creación dun proxecto editorial tan importante para o momento como a editorial Bibliófilos Gallegos, que se mantivo activa desde os anos máis difíciles da posguerra ata case a actualidade”.
O escritor homenaxeado este ano coas Letras Galegas foi o primeiro secretario da editorial, sendo presidente Sánchez Cantón; vicepresidente, Marcelino Blanco de la Peña e xerente, Felipe Cordero. Os catro, xunto con Fernando Alsina e Juan Gil Armada, constituíranse como socios fundadores da sociedade. Ademais, destacadas figuras participarán como accionistas, entre eles, Valentín Paz-Andrade, Isidro Parga ou Fernández del Riego.
Máis de 70 libros e documentos
A Biblioteca de Galicia alberga desde hai aproximadamente un ano todo o fondo que se conserva da editorial, de especial interese pola publicación de obras en galego. A partir del, a mostra realiza un repaso polas publicacións e coleccións da editorial, apoiado por material documental. Confórmana un total de 74 libros editados con este selo e documentos sobre o seu nacemento e actividade, así como sobre os intelectuais galegos que tiveron algunha relación con esta editorial.
Correspondencia, contratos, regulamentos, folletos etc son algúns dos materiais que se poden ver nesta mostra ata o vindeiro día 31 de maio, entre eles os que se inclúen unha copia en papel calcante dos estatutos da creación da editorial, o taco para imprimir o selo da editorial, a obra ‘Cancioeiro da poesía céltiga’, de Celestino Fernández de la Vega, gañadora do segundo concurso da editorial, ou o mapa de Ojea do século XVII, de onde se tomou o logo desta empresa.