A Consellería de Educación convoca o I Concurso ‘Ler e escoitar’ para o fomento da lectura en centros públicos

O concurso está dirixido ao alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de educación secundaria

Sáb, 25/09/2010 - 11:03

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación convoca o I Concurso de lectura en voz alta, ‘Ler e escoitar’ co obxectivo de fomentar e consolidar hábitos de lectura, a formación de lectoras e lectores competentes, así como o uso das bibliotecas entre o estudantado.

Este proxecto educativo está destinado ao alumnado de 3º ciclo de educación primaria e 1º ciclo de secundaria de centros públicos galegos que participarán en categorías A e B respectivamente, e a través de dúas modalidades, unha individual e outra grupal. Os alumnos e alumnas gañadores recibirán como premio materiais de fomento da lectura, e as bibliotecas dos centros, recursos co mesmo obxectivo.

Os participantes amosarán as súas habilidades a través da lectura en voz alta de dous textos de entre 4 e 6 minutos de duración: un fragmento dunha obra, seleccionada polo xurado; e un fragmento elixido por cada un dos participantes a título individual ou grupal. No caso dos grupos participantes, todos os integrantes terán que ler algún anaco da obra escollida, sendo estes de duración similar.

Fases do concurso

‘Ler e escoitar’ desenvolverase en 3 fases. A primeira terá lugar no centro e nela elixiranse os representantes da fase autonómica, para o que é necesario remitir un vídeo de  dos participantes nas diversas categorías e modalidades. Na segunda fase autonómica, un xurado seleccionará un máximo de 5 alumnos ou grupos finalistas por cada unha das categorías e modalidades, analizando os vídeos remitidos polos centros.

Na fase final, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos fixará unha data e un lugar para a celebración das lecturas finais, onde os alumnos e alumnas lerán en directo un texto elixido polo xurado e outro elixido libremente.

Entre os criterios que terá en conta o xurado na valoración das lecturas están a fluídez, ritmo, expresividade, ou dominio da linguaxe verbal e corporal á hora de ler os textos.

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e envío de documentación para a fase autonómica remata o 30 de outubro. Xunto coa solicitude, os centros deberán remitir un vídeo por cada unha das categorías (Primaria e ESO), e modalidades (individual ou de grupo) nas que se desexe participar, coas gravacións correspondentes ás lecturas dos participantes.

En prol da lectura

Con esta iniciativa, a Consellería de Educación a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Educativos, pretende incentivar actividades para o fomento da lectura no contexto escolar debido a importancia desta actividade á hora de adquirir coñecementos e desenvolver pensamento e xuízo crítico. Deste xeito, a Consellería continúa co seu compromiso de acadar óptimas competencias lectoras en todos os escolares como así ven facendo a través de iniciativas como o Plan LÍA, dotando de recursos ás bibliotecas escolares e adaptando os recursos informativos ás novas necesidades da sociedade da información.

Este proxecto responde á necesidade de dedicar unha parte da actividade da Xunta de Galicia a pór de relevo o recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura, historia e lingua galega, como así se estableceu para o presente ano declarado Ano do Libro e da Lectura de Galicia.