O conselleiro de Cultura e Educación sinala o Plan Proxecta como unha porta aberta á transformación e innovación do sistema educativo galego
Román Rodríguez participou hoxe na apertura do encontro que reúne a máis de 300 docentes que traballan no desenvolvemento dos diferentes programas adheridos a esta iniciativa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura da Xornada Plan Proxecta 2015, un encontro no que se reúnen máis de 300 docentes implicados no desenvolvemento dos 28 programas adheridos a esta iniciativa. Cómpre lembrar que este plan abrangue baixo o mesmo marco metodolóxico os programas educativos que desenvolven oito departamentos da Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención o conselleiro sinalou o Plan Proxecta como unha porta aberta á transformación, innovación e, en definitiva, á mellora do sistema educativo galego. Neste sentido lembrou que esta iniciativa contribúe a dar cohesión e visibilidade ao esforzo persoal e colectivo dos docentes na súa práctica educativa diaria, xa que os traballos que ao seu abeiro se realizan son difundidos nos espazos dixitais da Consellería, “poñéndoos ao servizo de toda a comunidade educativa”.
Deste xeito, Román Rodríguez quixo agradecer a implicación do profesorado participante nos programas incluídos no Proxecta, así como a das persoas responsables do desenvolvemento dos mesmos en cada un dos 8 departamentos da Xunta que toman parte do Plan. Así mesmo, salientou o traballo do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na organización da xornada que ao longo do día de hoxe se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e que funciona como un espazo de debate e intercambio de experiencias.
Na Xornada Plan Proxecta 2015 daranse a coñecer os distintos programas que compoñen a iniciativa a través de postos con asesoramento a disposición das profesoras e profesores. Ademais, entre outras actividades, docentes implicados no desenvolvemento dalgún dos 28 programas do plan impartirán 15 relatorios sobre as experiencias de cadanseu centro educativo no día a día.
Ademais do conselleiro participaron no acto de apertura o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e máis asesores de innovación educativa da Consellería e do CAFI e os responsables do desenvolvemento dos programas en cada un dos departamentos da Xunta de Galicia.
Preto de 72.000 escolares
Neste curso 2014/2015 participan no Plan Proxecta preto de 72.000 alumnas e alumnos e 4.359 profesores e profesoras de 420 centros educativos de todos os niveis educativos, que desenvolven algún dos 28 programas desenvolvidos por 8 departamentos do Goberno galego, en concreto a Presidencia da Xunta de Galicia (a través da SX para o Deporte); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (a través da DX de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e da SX de Igualdade); a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; a Consellería de Economía e Industria (a través do Instituto Galego de Consumo); a Consellería de Sanidade (a través do Sergas); a Consellería de Traballo e Benestar; a Consellería de Medio Rural e do Mar, e, por último, a propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a través da SX de Política Lingüística e do CGAI).
O obxectivo do plan é favorecer a integración no currículo escolar dos diferentes asuntos transversais que trata – solidariedade, saúde, consumo, igualdade…- baixo unha metodoloxía de traballo común, na que se favorece a colaboración do alumnado, o labor interdisciplinario dos docentes e a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación na práctica educativa.