Lingua.gal difunde materiais e actividades dos equipos de dinamización da lingua galega en homenaxe a Xosé Filgueira Valverde
O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición dos centros educativos e do público en xeral unha biografía do homenaxeado o próximo 17 de maio, os carteis e unidades didácticas do Concurso-Exposición Letras Galegas en formato dixital e diversos recursos interactivos
Nas próximas semanas iranse sumando novas aportacións en diferentes formatos que permitirán coñecer dende distintas perspectivas a contribución de Filgueira Valverde á promoción da lingua e da literatura de Galicia
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación abriu hoxe ao público a sección do seu web lingua.gal dedicada a difundir a obra do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, co dobre obxectivo de divulgar o traballo que, con motivo do 17 de maio, realizan os centros educativos e nomeadamente os equipos de dinamización da lingua galega e mais de poñer a disposición do profesorado recursos para dar a coñecer nas aulas a obra de Xosé Fernando Filgueira Valverde.
Os materiais aos que, dende hoxe, se pode acceder en lingua.gal inclúen unha biografía do autor homenaxeado polas Letras Galegas; as unidades didácticas e carteis en formato dixital das exposicións “Traballando co vello profesor” e “Filgueira rima con Armenteira”, gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015 e que xa foron enviadas en papel a todos os centros educativos galegos; diversos materiais, case todos interactivos, elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para difundir a obra de Filgueira e ligazóns a recursos de interese, como o web da Fundación Filgueira Valverde e da Real Academia Galega. Tamén se pode acceder á lista dos autores homenaxeados nos 52 anos de celebración do Día das Letras.
Nas próximas semanas esta selección irase arrequecendo con material audiovisual e outros recursos en formatos diversos co fin de incrementar as posibilidades de divulgación da vida e a obra do autor pontevedrés.
Filgueira Valverde
Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) é o autor a quen se lle dedica este 2015 o Día das Letras Galegas. Escritor, profesor e polígrafo galeguista, ao longo de máis de 70 anos despregou unha fecunda e ininterrompida actividade intelectual centrada en Galicia, a súa lingua, literatura e cultura. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Padre Sarmiento e da Real Academia Galega. Dirixiu o Museo de Pontevedra e presidiu o Consello da Cultura Galega. Publicou máis de 300 obras e milleiros de artigos sobre as máis variadas disciplinas.