O conselleiro de Educación visitou o CIFP A Farixa e o IES Portovello, na cidade de Ourense
Xesús Vázquez Abad comprobou en persoa o desenvolvemento do novo curso en ambos os centros
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa e o IES Portovello, ambos os dous na cidade de Ourense, onde puido dar conta do desenvolvemento do inicio do novo curso.
No CIFP A Farixa o conselleiro lembrou a importancia da rede de centros integrados de FP que está a impulsar a Consellería, no marco da estratexia de posta en valor da Formación Profesional que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Non en balde, este centro oferta este curso dous dos novos ciclos formativos adaptados á Lei de Cualificacións Profesionais e á Lei Orgánica de Educación, en concreto o ciclo de grao superior en Guía, Información e Asistencia Técnica; e o de grao medio en Instalación de Telecomunicación. Ademais, neste centro impártense os ciclos de grao superior en Desenvolvemento de Produtos Electrónicos, Sistemas de Telecomunicación e Informáticos, Desenvolvemento de Proxectos de Construción, Desenvolvemento de Proxectos Urbanísticos e Operacións Topográficas e en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos.
En total, neste centro ourensán comezaron este curso 266 alumnas e alumnos matriculados, ademais de nos devanditos ciclos, no Programa de Cualificación Profesional Inicial en Instalacións Electrotécnicas e de Telecomunicacións, e nas modalidades de bacharelato de Ciencia e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais.
Posteriormente, Xesús Vázquez Abad desprazouse ata o IES Portovello, tamén na cidade das Burgas. Neste instituto estudarán este curso máis de 600 estudantes de ESO, Bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio en Xestión Administrativa, Comercio e Atención Socio-sanitaria; e de grao superior en Secretariado, Administración e Finanzas, Xestión Comercial e Marketing, Integración Social e Educación Infantil – este último adaptado tamén á Lei das Cualificacións e á LOE-.
O conselleiro de Educación interesouse polas necesidades de ampliación deste instituto, para dar resposta ao incremento de horas lectivas dos ciclos de Formación Profesional. Así, Vázquez Abad reafirmou o compromiso da Consellería con este centro, como xa quedou demostrado coas obras de mellora realizadas este mesmo ano por valor de máis de 2.300 euros. Ademais, o conselleiro recordou que preto de dez alumnas e alumnos de 1º da ESO terán este curso ordenadores ultraportátiles na aula, así como encerado dixital, grazas á participación do instituto no Proxecto ABALAR.
Durante a súa visita a estes centros o titular de Educación estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e o director do CIFP A Farixa, José Miguel Reza Pérez; e do IES Portovello, Encarnación Fernández Seara.