Política Lingüística presenta a Rede de dinamización lingüística nos Encontros sobre lingua do Consello da Cultura Galega
A secretaría xeral incidiu nas características deste modelo de organización e adiantou as principais pautas do seu funcionamento no nivel técnico
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe a Rede de dinamización lingüística no marco dos XII Encontros para a Normalización Lingüística, que organiza o Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa –cuxa orde de creación foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia– a secretaría xeral busca congregar as entidades con competencia na promoción do galego coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso desta lingua de xeito coordinado e planificado desde o ámbito local.
Para acometer estes fins, “a figura dunha rede perfílase actualmente como a fórmula máis axeitada”, afirmou a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría xeral, Cristina Rubal, quen afondou durante a súa intervención nas características e vantaxes deste modelo organizativo.
Neste sentido, Rubal explicou que a Rede de dinamización lingüística permite aglutinar e coordinar as actividades de distintos tipos de entidades, ao tempo que lles dá unha gran flexibilidade de participación aos integrantes. Ademais, “constitúe unha estrutura anovada para a coordinación e cooperación entre administracións” e preséntase “como un punto de partida para unha adaptación ao futuro da planta municipal galega”, dixo a subdirectora.
Así mesmo, Cristina Rubal incidiu en que a Rede “facilita a participación de concellos con medios limitados, integrándoos nunha estrutura maior que lles achega visibilidade e adaptación a futuros cambios, sen que supoña custo económico nin alteración estrutural”.
Funcionamento técnico da Rede de dinamización lingüística
Por outra banda, o coordinador do grupo de traballo que realizou propostas para a creación da Rede de dinamización lingüística, Valentín García, avanzou algunhas pautas respecto do seu funcionamento no nivel técnico, que deberá desenvolverse nun regulamento de réxime interno e ser aprobado polo Consello de Membros. Para levar a cabo os seus obxectivos, a Rede creará áreas e comisións de traballo, estudo, deseño e planificación que colaborarán e manterán unha comunicación permanente co coordinador técnico e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
XII Encontros para a Normalización Lingüística
A Secretaría Xeral de Política Lingüística aproveitou o escenario dos XII Encontros para a Normalización Lingüística para presentar a Rede, por tratarse dun foro de reflexión, estudo e debate dirixido a profesionais, docentes e estudosos da normalización lingüística e a interesados nas políticas lingüísticas en Galicia.
O Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, desenvolve, entre onte e hoxe, estes encontros, que teñen lugar na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.