As Festas dos Axóuxeres despídense en Santiago logo de recibir unha excelente acollida no resto de cidades galegas
A Secretaría Xeral de Política Lingüística pecha mañá na capital galega esta iniciativa chea de cantigas, teatro e palabras para os bebés e as súas familias
As Festas dos Axóuxeres despídense en Santiago de Compostela logo de recibir unha excelente acollida por parte das familias no resto de cidades galegas. A última parada deste espectáculo da Secretaría Xeral de Política Lingüística será mañá no Pavillón do Restollal, a partir das 12:00 horas. Esta iniciativa de música, cantigas, xogos e palabras destinado aos bebés e ás súas familias non pecha, con todo, a programación dos Axóuxeres, que se prolongará ata o ano que vén a través dos Obradoiros e mais dos Encontros.
O programa dos Axóuxeres constitúe unha iniciativas coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere contribuír a que as familias valoren positivamente a lingua galega e a que lles transmitan o idioma aos seus fillos e fillas. O programa conta con tres formatos de actividades: as Festas, os Obradoiros e os Encontros dos Axóuxeres.
As festas, que abriron esta programación o 4 de setembro, consisten nun espectáculo participativo dunha hora de duración que xunta a música, o teatro e o xogo para animar os bebés e as súas familias a empregar o galego no día a día. O espectáculo central das Festas protagonízao unha nena, Eli, que lle axuda ao seu avó, o coñecido actor Xosé Manuel Olveira “Pico”, a atopar o caderno no que este garda a súa memoria, os contos, os xogos e as cantigas que o facían feliz cando era neno. Os dous contan coa axuda de Totó, un boneco azul que está a aprender a falar.
Máis Axóuxeres nos Obradoiros e nos Encontros
Como continuación das Festas dos Axóuxeres, as principais cidades galegas están acollendo xa os Obradoiros dos Axóuxeres. Trátase da novidade desta edición: unha actividade que combina masaxe infantil acompañado de música e cantigas de arrolo tradicionais. Despois de se celebrar na Coruña, en Ferrol, en Lugo e mais en Ourense, os días 27 e 28 de setembro terán lugar en Pontevedra, na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, e os días 29 e 30 estarán en Vigo, na Fundación MARCO. A quenda de Santiago será os días 6 e 7 de outubro e as familias interesadas en participar na capital galega poderán inscribirse chamando ao teléfono 630 230 338 –en horario de 10:00 horas a 15:00 horas– do 27 ao 29 de setembro.
Ademais, o programa dos Axóuxeres continuará a partir do mes de xaneiro coa celebración dos Encontros. Trátase dunha versión reducida das Festas que visitará un total de 12 localidades das catro provincias nas que tamén se desenvolverán os Obradoiros dos Axóuxeres.
Sorteos para os participantes
Este ano, o programa dos Axóuxeres tamén está presente nas redes sociais, a través dos enderezos www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres, Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convida os participantes das Festas e dos Obradoiros dos Axóuxeres a compartir a súa experiencia nestas dúas actividades desde a súa páxina web (http://www.xunta.es/linguagalega/contanos_como_vivistes_os_axouxeres). As persoas que envíen os seus comentarios entrarán nun sorteo de 7 lotes de produtos de lecer para a xente miúda da casa.