A matrícula online realizouse con éxito nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia
Máis de 26.500 persoas xa se inscribiron nas ensinanzas impartidas por estes centros a través da internet
As Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia remataron onte con éxito a matriculación do alumnado, que se realizou por primeira vez este curso de xeito online. Máis de 26.500 alumnas e alumnos realizaron a través da internet a súa inscrición nas ensinanzas regradas de idiomas impartidas por estes centros e as súas seccións, evitando as colas que outros anos se formaban.
Grazas ao novo sistema, que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coa axilización da matriculación nestes centros para ofrecer un mellor servizo á cidadanía, os trámites realizáronse de modo moito máis sinxelo. Así, non se rexistraron incidencias, agás na EOI de Vigo, na que un problema de organización da propia escola viguesa ocasionou algunhas demoras na xestión, totalmente alleas á matrícula online. A Consellería de Educación decidiu ampliar o primeiro prazo de matrícula para o alumnado de novo ingreso no nivel básico que non realizou a matrícula no mes de xullo e nos 7 primeiros días de setembro, para todas as EEOOII. O segundo prazo coincidiu tan só coa matriculación do alumnado que entra a través de convalidacións de outros estudos; e en ningún caso con todo o alumnado que se inscribe por primeira vez, nin cos aptos en xuño. Este é o motivo de que estea a ser uns días de intenso traballo para a admisión nas Escolas Oficiais de Idiomas. Porén, só a EOI de Vigo se viu afectada polas colas de alumnado, debido ao devandito fallo á hora de organizar o proceso administrativo.
En todo caso, e para previr calquera tipo de incidencia que poida causar molestias ao alumnado de Vigo, a Consellería de Educación vén de ditar instrucións para a xestión das listaxes de espera, de tal forma que as EEOOII citarán para a matrícula directamente ás persoas que completen as prazas dispoñibles, seguindo a orde establecida para cada grupo. Deste xeito evítanse as acumulacións de persoas que suporía o sistema de adxudicación por orde de chegada que tiña decidido implantar de forma unilateral a EOI de Vigo.
Malia lamentar as molestias sufridas polo alumando da cidade olívica, a Consellería de Educación reitera a súa satisfacción co funcionamento deste primeiro curso de matrícula online, un sistema que foi implantado co acordo de todas as EEOOII galegas, e que ten axilizado de xeito considerable o proceso de matriculación, facilitando o traballo aos equipos administrativos dos centros.