A Real Academia Galega acolle o acto de presentación do trixésimo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro

Presentouno o secretario xeral de Política Lingüística acompañado polo presidente da RAG

Baixo o título ‘Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990)’, o novo caderno segue o ronsel do xénero epistolar para dar conta da amizade persoal e da relación profesional dos dous intelectuais galegos

Mér, 25/03/2015 - 20:17

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe na sede da Real Academia Galega o trixésimo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro que, baixo o título ‘Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990)’ segue o ronsel do xénero epistolar para dar conta da amizade persoal e da relación profesional dos dous intelectuales galegos.

Acompañaron o secretario xeral o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; e o editor do volume, Xosé Luís Cochón Touriño.

‘Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990)’

Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990) é un volume epistolar que se sitúa na liña de anteriores achegas a un xénero no que Ramón Piñeiro deixou varios milleiros de mostras, maxistrais algunhas delas. Trátase, neste caso, da revelación da amizade persoal e das relacións profesionais de dous rigorosos intelectuais galegos, personalidades significativas no terreo das Humanidades. Introdución, notas aos textos, índices e repertorios bibliográficos son parte desta edición respectuosa cos textos orixinais e ilustrada.

Cadernos Ramón Piñeiro

Os Cadernos Ramón Piñeiro, coordinados polos profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, son o medio de difusión con que conta o proxecto de investigación homónimo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria botou a andar, no marco co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), hai agora 12 anos.

Desde esa data, lévanse publicados 30 volumes arredor do pensamento e da cultura galegas e, en especial, de escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles, figuran os autores homenaxeados cada ano con motivo das Letras Galegas, obxecto de interesantes estudos, como o que xa está preparando o CRPIH arredor de Xosé F. Filgueira Valverde.

Centro Ramón Piñeiro

O CRPIHé un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.

Menús News node R