Román Rodríguez insta a sacar a lingua “da confrontación política” e a “traballar sobre o que nos une, e non sobre o que nos separa”
O conselleiro de Cultura e Educación recordou a proposición non de lei aprobada en maio de 2013 a instancias do Grupo Popular orientada a abrir un proceso de diálogo cos grupos da oposición, no que finalmente non se puido avanzar
O responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia volveu tender a man para buscar consenso en torno ao galego porque “é a lingua de todos e de todas”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, volveu a tender hoxe no Parlamento galego a man aos grupos da oposición co obxectivo de buscar un consenso o máis amplo posible en torno ao galego, que “é a lingua de todos e todas”, sinalou.
Tal e como indicou hai quince días na súa primeira comparecencia parlamentaria, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de deixar o idioma propio da Comunidade á marxe da “confrontación política” e da discrepancia, trasladando ao ámbito político a “normalidade” e a “convivencia” entre linguas que hai nunha sociedade galega “máis galeguista que nacionalista”, puntualizou.
Neste senso, Román Rodríguez pediu escoitar máis aos galegos, que “queren acordos e rexeitan imposicións” e non comparten “a postura dos nacionalistas dunha Galicia só en galego”, senón o de unha Galicia “plural” onde convivan as linguas. É neste punto onde a Consellería pretende procurar o acordo e así llo recordou hoxe de novo aos grupos parlamentarios. “Traballemos sobre o que nos une e non sobre o que nos separa”, instou.
En todo caso, rememorou intentos pasados para chegar a acordos en materia lingüística que derivaron en fracaso, como a proposición non de lei aprobada en maio de 2013 só cos votos do Grupo Popular. Nese momento, a Xunta abriu un proceso de diálogo cos diferentes voceiros de lingua dos grupos parlamentarios, pero “non foi posible avanzar”, destacou Román Rodríguez, quen agora realiza un novo ofrecemento de entendemento.
No referente á última enquisa do IGE, o responsable do departamento educativo do Goberno galego asegurou compartir a necesidade de mellorar, dado que “algo está a fallar no uso” da lingua propia. Pero tamén reivindicou os datos positivos que reflicte este estudo, como que o galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia e o alto grao de coñecemento oral e escrito entre a poboación, “o máis alto da historia”, remarcou. Tamén destacou a freada da caída de galegofalantes nos últimos anos, pois mentres entre 2003 e 2008 descenderon 12 puntos, entre 2008 e 2013, esa baixada só foi de dous puntos.
Plan de dinamización lingüística no ámbito económico
Aínda así, a Consellería segue traballando a prol da lingua, e por iso está desenvolvendo un plan de dinamización lingüística no tecido económico, cun horizonte ata 2020. Unha iniciativa que pretende incrementar o uso do galego no eido empresarial, convencendo –“e non impoñendo”, resaltou o conselleiro– de que a súa utilización representa un valor engadido nas relacións comerciais, sobre todo no ámbito da lusofonía.
O plan, cuxa elaboración contará coa participación de todos os sectores implicados, incluirá accións concretas dirixidas a autónomos, cooperativas, banca e grandes empresas co fin de que a potenciación do uso da lingua neste ámbito redunde tamén nun maior emprego no resto da sociedade.