A Consellería de Educación e a empresa ALCOA asinan un convenio de colaboración para a formación de alumnado de FP
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, subscribiu o devandito acordo nun acto celebrado en San Cibrao-Cervo
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a empresa Alúmina Española S.A (ALCOA), veñen de asinar un convenio de colaboración, polo que o alumnado de FP poderá realizar parte dos módulos do ciclo superior de química industrial directamente nesta empresa.
Nun acto celebrado en Cervo, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, e o director de ALCOA de San Ciprián, Rubén Bartolomé González, rubricaron o documento. Un texto no que destacaron a súa importancia para a preparación dos futuros profesionais galegos, o que redundará nunha maior calidade das ensinanzas de formación profesional da familia química.
Tras asinar o acordo o conselleiro destacou que “Consellería de Educación, na súa liña de mellora constante da calidade das ensinanzas de formación profesional, intensifica a colaboración que xa viña mantendo con ALCOA e a empresa amplía o seu compromiso con estas ensinanzas mediante a súa colaboración na posta en marcha do ciclo formativo de grao superior de Química Industrial, que se imparte neste curso no centro no que nos encontramos, o IES Marqués de Sargadelos”.
Formación nas instalacións de ALCOA
Ao abeiro deste convenio, establécese un programa de formación que se desenvolverá nas instalacións do IES Marqués de Sargadelos de Cervo (San Cibrao) e da empresa ALCOA, destinado aos alumnos que cursen formación profesional de grao superior de Química Industrial.
Así os estudantes poderá realizar parte dos módulos do ciclo superior de química industrial en ALCOA, o que se lle permitirá desenvolve ros módulos correspondentes a operacións básicas na industria química, transportes sólidos e fluídos, prevención de riscos laborais, así como regulación e control de proceso químico e xeración e recuperación de enerxía.
Os datos de todos os estudantes que se beneficiarán do convenio asinado hoxe pasaran a formar parte da base de datos curricular de ALCOA para unha posible consideración en futuros procesos de selección.
Tal e como explicaron os asinantes, ALCOA recibirá aos alumnos e será responsable da súa formación durante este período, para o que se designará aos titores responsables de cada área formativa. Pola súa parte o centro educativo designará un encargado de elaborar ca empresa o programa formativo, apoiar tecnicamente aos alumnos e alumnas, así como controlar a asistencia e avaliar o desenvolvemento da formación concertada.
Actualización constante
O profesorado tamén recibirá a formación constante oportuna. Así, segundo explicaron o conselleiro e o director de ALCOA, o convenio contempla a posibilidade de que, a proposta dunha das partes implicadas, se organicen cursos, seminarios, ou estudos sobre temas de común interese, tanto para persoal específico de ALCOA, como da Consellería de Educación co fin de dotar ao profesorado das máximas competencias. Ademais a empresa colaborará no programa de formación do profesorado e nas estancias en empresas por tempo definido que tamén promove a Consellería atendendo sempre as necesidades específicas de formación.
Impulso ao sector químico industrial
Ao remate do acto, os representantes da Consellería e os de ALCOA, destacaron a importancia que a formación práctica ten na preparación dos estudantes, grazas ao que poderán desenvolver un mellor traballo neste sector. Así, ambas partes explicaron que a sinatura do convenio de colaboración contribuirá a completar os coñecementos relacionados coa producción, comercialización, e xestión económica facendo que o alumnado coñeza in situ as necesidades do sector químico industrial.
O convenio entra en vigor a partir de hoxe e terá unha vixencia de dous anos. Cómpre recordar que a empresa ALCOA xa ven colaborando coa formación tanto de profesores como de estudantes de Formación Profesional en materias de riscos laborais na Mariña lucense.
No acto tamén estivo presente o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luís Mira Lema, ademais da delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde do concello de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez; alcalde do concello de Xove, Demetrio Salgueiro; a directora do IES Marqués de Sargadelos, Esperanza Mirta Blanco López; e a directora xeral da fábrica de Alúmina en San Cibrao.
Declaracións de Xesús Vázquez