Román Rodríguez participa na inauguración da vivenda Aspadeza, que dará servizo a persoas con discapacidade intelectual
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na inauguración da vivenda Aspadeza, unha infraestrutura creada para dar servizo a persoas con discapacidade intelectual. Nun acto no que estivo acompañado do alcalde de Lalín, José Crespo, o conselleiro fixo un percorrido polas instalacións, que veñen de completar os recursos sociais dispoñibles na capital do Deza.
Esta vivenda supón un paso máis na obriga de garantir o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e no impulso da súa participación na vida social e comunitaria, ao tempo que se converte nun espazo de convivencia, de solidariedade e de axuda mutua entre os seus beneficiarios.
A vivenda, situada no casco urbano de Lalín, está adaptada e conta co equipamento necesario para o seu uso social. Conta cunha cociña, salón-comedor, 4 habitacións dobres e 2 aseos completos.
No acto tamén estiveron a directora de Aspadeza, Ángeles Baldonedo; a secretaria da ADR Terras do Deza, Carmen Lareo; o director do centro de recursos da ONCE en Pontevedra, José Ángel Abraldes, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Xosé Crespo Iglesias.