A Consellería de Cultura e Educación investirá preto de 500.000 euros na ampliación do CEIP Unión Mugardesa
Demolerase o volume da planta baixa para construír un novo de dous andares, que albergará tres aulas de infantil, biblioteca e despachos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, investirá este ano 491.000 euros na ampliación do CEIP Unión Mugardesa. A actuación, que anuncio esta mañá o conselleiro, Román Rodríguez, nunha visita ao centro; enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Entre os obxectivos do plan, que supón unha clara aposta da Xunta de Galicia polo ensino público, está o de adaptar a oferta de prazas de escolarización ás necesidades demográficas das poboacións con máis crecemento.
A ampliación súmase ás melloras realizadas no centro nos últimos anos, de renovación de cuberta, das fiestras da planta baixa e de reparación do patio, fundamentalmente. Así mesmo, o centro conta con seccións bilingües e auxiliar de conversa, e forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e do Proxecto Abalar, polo que incluíndo a nova actuación, o investimento da Consellería desde 2009 neste CEIP elévase a máis de 725.000 euros.
Novo volume
A ampliación do CEIP Unión Mugardesa consistirá na demolición do volume de planta baixa que actualmente acolle a biblioteca para construír un novo de dous andares que albergará 3 aulas de infantil, biblioteca e despachos (secretaria, arquivo e ANPAs), así como os correspondentes aseos. O edificio terá unha superficie construída de 372 metros cadrados.
O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar molestias á comunidade educativa.