Cultura e Educación e o Concello de Redondela colaborarán na dinamización cultural da Illa de San Simón
O conselleiro Román Rodríguez e o alcalde Javier Bas asinaron un convenio para o desenvolvemento dunha serie de actividades neste espazo de grande valor histórico, cultural, ambiental e paisaxístico
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Redondela colaborarán en actividades de dinamización das illas de San Simón e de San Antón co fin de potenciar os valores culturais, ambientais e paisaxísticos destes espazos declarados Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de sitio histórico.
Así se reflicte nun convenio subscrito entre o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, que comparten a necesidade de impulsar unha serie de actuacións para o acceso da cidadanía á illa como sitio histórico visitable que é e que, ademais, conta cunha serie de equipamentos e instalacións en uso que fan posible o seu aproveitamento para uso cultural.
Ao abeiro deste acordo, a Consellería de Cultura e Educación ratifica o seu compromiso coa conservación e xestión das instalacións e edificacións que existen en San Simón e San Antón, ao tempo que coa potenciación dos valores naturais, culturais e paisaxísticos deste conxunto. Nesta liña, o departamento de Cultura da Xunta desenvolverá congresos, cursos e seminarios -principalmente sobre temas relacionados co mundo do mar-, e potenciará a utilización das instalacións das illas mediante unha acción integral e unha programación de base cultural e educativa. No marco do acordo tamén se inclúe o fomento dos deportes náuticos e o impulso da investigación.
Pola súa banda, o Concello de Redondela, dentro das súas actividades regulares de dinamización sociocultural e turística, comprométese a programar visitas guiadas á illa de San Simón e a desenvolver actividades socioculturais e deportivas, sempre respectando a conservación deste espazo BIC. Segundo establece o acordo, Consellería e Concello deberán, así mesmo, coordinarse para elaborar un calendario anual de actividades a desenvolver no recinto.