O conselleiro de Cultura e Educación salienta un investimento de case 1 millón de euros para a ampliación de centros educativos en Santiago
Román Rodríguez anunciou obras no CEIP de Roxos por importe de 650.000 euros
Visitou tamén os traballos de ampliación do CEIP Monte dos Postes, que contan cun orzamento de máis de 300.000 euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto investir 650.000 euros na ampliación do CEIP de Roxos. Fíxoo durante unha visita ao CEIP Plurilingüe Monte dos Postes, onde puido comprobar o avance dos traballos de ampliación que se están a realizar no centro, que contan cun orzamento de máis de 300.000 euros.
O conselleiro salientou que as actuacións en ambos os centros demostran que o departamento educativo da Xunta de Galicia está a dar resposta á necesidade de creación de prazas de escolarización en zonas nas que a demografía así o demanda. Neste sentido lembrou que a Consellería acaba de comprometerse no Parlamento a desenvolve un plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos para atender – entre outras- a necesidades deste tipo, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros.
Nesta visita – e na que realizou posteriormente ao propio CEIP de Roxos- o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; polo xefe territorial do seu departamento na provincia, Indalecio Cabana; e polos directores do Monte dos Postes, Manuel Brenlla; e do CEIP de Roxos, Eva García; entre outras autoridades.
Ampliación en Roxos
As obras no CEIP de Roxos consistirán na construción dun novo volume de máis de 530 metros cadrados que albergará 3 aulas de infantil, un espazo dedicado a apoio educativo, aula de psicomotricidade, aseos, despachos, conserxería e zonas comúns. O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias á comunidade educativa.
Esta actuación súmase ás melloras realizadas no centro nos últimos anos, en concreto para a construción dun aseo, reforma eléctrica e instalación dun novo portal de acceso. O colexio recibe ademais achegas para apoiar o funcionamento da súa biblioteca e foi dotado con 50 ordenadores ultraportátiles ao abeiro do Proxecto Abalar, de tal forma que o investimento total da Consellería para obras e implantación de programas novidosos desde 2009 ascende – incluíndo a ampliación prevista- a máis de 708.000 euros.
Avance das obras no Monte dos Postes
No transcurso da súa visita ao CEIP Plurilingüe Monte dos Postes o conselleiro puido comprobar o avance das obras de ampliación que se están a realizar no centro cun orzamento de preto de 310.000 euros. A actuación consiste na construción dun volume anexo de 2 plantas con 2 aulas, aseos, espazo polivalente e almacén. Ademais proxectouse a instalación dun ascensor para contribuír á mellora da accesibilidade do centro.
Con esta actuación a Consellería confirma o seu compromiso cun centro no que nos últimos anos xa se acondicionaron espazos para a prestación do servizo de comedor escolar, e que – na súa condición de plurilingüe- conta ademais cun auxiliar de conversa nativo de EEUU. Deste xeito, o investimento desde 2009 ascende – incluída a ampliación en execución- a máis de 485.000 euros.