Román Rodríguez subliña que o Premio Fernández del Riego ás bibliotecas escolares é un recoñecemento ao esforzo da Xunta e dos docentes por impulsar a lectura entre os máis novos
O conselleiro de Cultura e Educación recolleu o galardón outorgado pola Asociación Galega de Editores e que valora a colaboración da administración no ámbito editorial e cultural
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradeceu o Premio Francisco Fernández del Riego ás Bibliotecas Escolares de Galicia, xa que supón un recoñecemento ao labor da administración e, sobre todo, dos docentes a prol do libro galego e do impulso da lectura no ámbito escolar.
O conselleiro foi o encargado de recoller este premio á colaboración no ámbito editorial e cultural, un galardón que se enmarca dentro dos Premios da Edición que cada ano concede a Asociación Galega de Editores (AGE) e nos que se valoran distintas modalidades como son o libro de ficción e non ficción, infantil e xuvenil, de poesía, de teatro, o libro educativo, a tradución ou a iniciativa editorial, entre outros.
O conselleiro subliñou que recollía este galardón en representación dos responsables das Bibliotecas Escolares de Galicia, que son os verdadeiros destinatarios do premio. Así mesmo Román Rodríguez aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo e a dedicación das comunidades educativas e, especialmente, dos docentes, de quen destacou “o seu gran compromiso, non só profesional senón tamén persoal”. De feito recalcou que este “esforzo común” entre administración e comunidade educativa tradúcese en mellores resultados académicos, xa que os mozos e mozas galegos presentan un índice de competencia lectora superior á media española e europea, segundo datos do informe PISA.
Precisamente esta mesma mañá remataron en Santiago as xornadas do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2014/2015 (PLAMBE), una cita anual na que os diferentes profesionais intercambia coñecementos e amplían a súa formación neste eido.
Compre lembrar que o PLAMBE -ao que este curso están adheridos un total de 550 centros de ensino públicos de Galicia- é un dos eixos estratéxicos do Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2010/2015 de Bibliotecas Escolares. O conselleiro Román Rodríguez ratificou o compromiso do seu departamento con esta iniciativa, que se materializará co impulso da segunda fase do Lía no período 2015-2020, cunha aposta por renovar e adaptar as bibliotecas escolares ás novas necesidades do alumnado, que xa é nativo dixital.