O conselleiro de Cultura e Educación inaugura a Casa das Letras da Estrada, que abre as súas portas con actividades para todos os públicos
Este contedor cultural, no que tamén se instalará a biblioteca municipal, busca espertar o interese de cativos, xente moza e adultos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a Casa das Letras da Estrada, un extenso contedor cultural que se da a coñecer entre todos os veciños estradenses cunha xornada de portas abertas chea de actividades para todos os públicos.
Acompañado polo alcalde da localidade pontevedresa, José López Campos; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia percorreu algunhas das estancias dun edificio que busca espertar o interese de cativos, xente moza e adultos como centro da vida cultura estradense.
A apertura da Casa das Letras é froito da reconversión do antigo colexio José Antonio, cuxos alumnos se trasladaron ao CEIP Pérez Viondi cando se acometeu a ampliación deste último. Agora, o novo inmoble reformado conta con varias salas de lectura e estudo, de investigación, mediateca e espazos de exposición. Tamén se instalará nel a biblioteca municipal.
Co gallo de descubrir e fomentar o uso das novas dependencias dende o comezo, este espazo cultural conta cun amplo programa inaugural que se estende ata a noite deste sábado. As actividades xa comezaron pola mañá da man da escultora e escenógrafa Mirari Urruzola, que impartiu un taller plástico para confeccionar un gran mural.
Contos dirixidos a bebés, diversos espectáculos acompañados por música, diferentes obradoiros, contacontos, marionetas, xogos populares e unha actuación musical nocturna compoñen o resto do cartel, no que participarán, ademais de Urruzola, os artistas Raquel Queizás, Inacio Vilariño e Luis Iglesias. E para desfrute dos máis pequenos, “Os Bolechas” visitarán o inmoble e firmarán libros.