Román Rodríguez ratifica a aposta da Xunta pola Formación Profesional cun investimento de 414.000 euros na ampliación do CIFP A Xunqueira

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe o centro, onde se construirán 2 novos talleres para as ensinanzas de FP Básica

Esta obra, xunto coa ampliación do CIFP Carlos Oroza, supón un investimento de 1,6 millóns de euros por parte da Consellería nos centros integrados de FP da cidade de Pontevedra

Lun, 16/03/2015 - 10:45
 Román Rodríguez ratifica a aposta da Xunta pola Formación Profesional cun inves
Román Rodríguez ratifica a aposta da Xunta pola Formación Profesional cun investimento de 414.000 euros na ampliación do CIFP A Xunqueira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CIFP A Xunqueira, onde anunciou que o seu departamento ten previsto executar este mesmo ano obras de ampliación para a instalación de 2 novos talleres destinados a impartir ciclos da familia profesional de Madeira e moble. O investimento, de 414.000 euros, ratifica a aposta da Xunta de Galicia pola Formación Profesional como ensinanzas de alta cualificación que representan, ademais, unha oportunidade para a inserción laboral. Cómpre salientar que esta actuación, xunto coas obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza, supón que o investimento total da Consellería nos centros integrados de FP da cidade de Pontevedra acade os 1,6 millóns de euros.

A actuación no CIFP A Xunqueira enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmase, ademais, ás melloras executadas na instalación eléctrica do centro nos últimos anos, así como ás achegas á súa biblioteca e ao seu club de lectura, conformando un investimento total superior aos 513.000 euros.

O conselleiro quixo ademais salientar que os novos espazos serán utilizados polo alumnado de FP Básica, a nova modalidade implantada ao abeiro da LOMCE que supón unha ferramenta para a loita contra o abandono escolar temperá, ofrecendo á mocidade unha opción atractiva para permanecer dentro do sistema educativo. O feito de que ao remate desta etapa o alumnado obteña un título de Formación Profesional inicial é un estímulo engadido que pode fomentar que as rapazas e rapaces opten por matricularse nun ciclo de grao medio e continuar a súa formación.

Deste xeito o investimento da Consellería na ampliación do CIFP A Xunqueira convértese nunha clara demostración do seu apoio aos estudos de FP e reforza a estratexia de posta en valor dos mesmos que se ten desenvolvido nos últimos anos. Ao mesmo tempo, constitúe un novo exemplo das actuacións que desde este departamento se están a poñer en marcha para conseguir que cada vez menos galegas e galegos abandonen o sistema educativo sen unha titulación que avale a súa cualificación.

Construción de talleres

A obra de ampliación prevista consistirá no peche dos laterais da antiga pista polideportiva cuberta para o acondicionamento neste espazo de 410 metros cadrados. Neles instalarase un taller de madeira para a FP Básica, un almacén e un lugar para que o alumnado poda practicar a montaxe das casas prefabricadas de madeira e estruturas similares. As novas instalación conectaranse co resto do complexo prolongando un dos pasaxes peonís existentes.

O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias ás comunidade educativa.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, Rafael Maximino A. Núñez; polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; entre outras autoridades.