Arranca a actividade ‘Tradición 2.0’ do proxecto de dinamización lingüística ‘Dragal’ no que participan este ano 659 estudantes e 55 profesores de secundaria

A nova actividade chegará nun formato de contacontos e contalendas e en clave de humor aos once centros que acollen o proxecto durante o curso 2014-2015

Dragal é unha iniciativa escolar, multimedia e multidisciplinar con base na triloxía do mesmo título posta en marcha desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover a lectura, a creación e a investigación en galego

Ven, 13/03/2015 - 11:22

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha hoxe -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- unha nova actividade no marco do proxecto de dinamización lingüística Dragal, no que están a participar 659 estudantes e 55 docentes de once centros de ensino secundario das catro provincias galegas.

Trátase de Tradición. 2.0, un espectáculo de contacontos en clave de humor que recrea as lendas tradicionais “A ponte do porco” e “Roldán e as tres costureiras de Puxares” e quen ter como obxectivos fomentar a transmisión oral interxeracional do galego e reflexionar sobre o valor das lendas e dos contos como patrimonio lingüístico e cultural.

A actividade dará comezo mañá, no IES de Valga e chegará ata mediados de maio aos outros dez centros participantes (ao IES A Pobra do Caramiñal o 23 de marzo; ao IES de Becerreá o 14 de abril; ao CPI Virxe da Cela  de Monfero o 16 de abril; ao IES Puga Ramón da Coruña o 22 de abril; ao IES Alfoz-Valadouro o 28 de abril; ao CPI A Cañiza o 29 de abril; ao IES Castro Alobre e ao IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa o 7 de maio e ao IES Taboada Chivite de Verín e ao IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia o 11 de maio). Todos eles participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.

‘Tradición.2.0’, contacontos ou contalendas

Tradición: 2.0 é unespectáculo de contacontos en clave de humor que recrea as lendas tradicionais “A ponte do porco” e “Roldán e as tres costureiras de Puxares”.O nome da actividade débese a que atemática que se pon en escena toma como base a tradición malia estar peneirada co cribo das modernas tecnoloxías da información e comunicación.

As lendas galegas constitúen unha fonte inesgotable de aventuras, personaxes e lugares máxicos que ademais gozan dunha grande versatilidade e poden converterse en punto de partida e de inspiración para outros relatos.

Os obxectivos de Tradición 2.0 son fomentar a transmisión oral interxeracional do galego e reflexionar sobre o valor das lendas e dos contos como patrimonio lingüístico e cultural.

Proxecto Dragal 2014-2015

O Proxecto Dragal, cuxa segunda edición está en marcha con catro máis con respecto ao curso anterior, é unha experiencia multimedia e multidisciplinar con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad pensada para animar o estudantado de ESO a ler, a crear e a investigar en galego.

As actividades previstas no Proxecto Dragal para o curso 2014-2015 abríronse cun encontro do profesorado participante no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelo en contacto, informalo sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlle material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres. Está previsto que, ao remate do curso escolar, un xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal, lle poña o ramo á segunda edición do proxecto.

Dinamización lingüística no ensino

O Proxecto Dragal forma parte das liñas de traballo da Consellería de Cultura e Educación para promover o uso do galego no ensino, xunto coas axudas aos equipos de dinamización da lingua galega, os proxectos de innovación en dinamización lingüística ou o programa Nós tamén creamos! Pódese atopar información sobre todas estas convocatorias e programas no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.

Menús News node R