As VII Xornadas Martín Sarmiento congregan os máis de mil escolares que aprenden lingua e cultura galega no Bierzo e en Sanabria
Promovida pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a sesión de hoxe contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística
O encontro, que comezou onte en Vilafranca do Bierzo baixo a temática ‘A riqueza da outra mirada: costumes, viaxes e paisaxes bercianas’, continuará o vindeiro 1 de maio
A sétima edición das Xornadas Martín Sarmiento, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Comisión Cultural Martín Sarmiento, congregaron esta mañá en Vilafranca do Bierzo os máis de mil escolares de ensino primario e secundario que estudan lingua e cultura galegas no Bierzo e en Sanabria. O acceso a esta aprendizaxe é posible nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega -en concreto nas zonas do Bierzo e de Sanabria- en preto dunha vintena de centros educativos adscritos ao Programa de promoción do galego posto en marcha pola Xunta de Galicia e pola Junta de Castela e León hai trece anos, como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou as xornadas esta mañá no Teatro Vilafranquino, nun acto no que estivo acompañado pola alcaldesa de Vilafranca do Bierzo, Concepción López Blanco; pola directora provincial de Educación de León, Mª Eugenia Villanueva Suárez; e mais polo coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro.
“Este proxecto educativo, cultural e lingüístico de promoción do galego enriquece e fai máis plural o noso entorno, amais de reforzar os vencellos históricos existentes entre Galicia e Castela e León”, sinalou García Gómez, quen puxo de manifesto o bo funcionamento do programa logo de reiterarlle á Junta de Castela e León “o agradecemento pola estreita colaboración institucional na consolidación deste proxecto tan comprometido coa diversidade cultural e lingüística”, ao profesorado “a entrega á tarefa educativa de ensino da lingua e cultura galegas” e aos pais e nais do alumnado “o seu convencemento da contribución desta aprendizaxe á educación dos seus fillos”.
VII Xornadas Martín Sarmiento. A riqueza da outra mirada: costumes, viaxes e paisaxes bercianas
As VII Xornadas Martín Sarmiento. A riqueza da outra mirada: costumes, viaxes e paisaxes bercianas abríronse onte cun encontro no que tomaron parte os colectivos culturais de Vilafranca e do Bierzo e continuaron ao longo do día de hoxe cunha primeira sesión de intercambio escolar celebrada no Teatro Vilafranquino e que arrancou coa exposición dos traballos de secundaria “Riqueza da outra mirada”, na que estivo presente a totalidade do alumnado dos IES que participan no Programa de Secundaria (os IES Padre Sarmiento de Vilafranca, Bergidum Flavium de Cacabelos e Europa e mais Virgen de la Encina de Ponferrada), así como o alumnado de galego da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.Á apertura seguiuna a actividade “Sarmiento e a lingua”, da man do dinamizador lingüístico e cultural Brais Fernándes, destinada tamén ao alumnado de secundaria.
Xa nos intercambios de primaria presentouse a iniciativa dos concursos escolares “En galego no Bierzo con Martín Sarmiento” e a actividade “A cantar con María Fumaça e Rosalía”, a cargo de Uxía, na que participou alumnado de trece centros educativos de primaria da comunidade castelá-leonesa localizados en Vilafranca, Cacabelos, Ponferrada, Camponaraia e Zamora
Xa pola tarde, o Teatro Vilafranquino acolleu, ás 16:30 horas, a mesa de debate “Os soños de Sarmiento” que, presentada por Héctor M. Silveiro e moderada polo xornalista Ricardo López, abordou a temática da política municipal, educación e lingua, na que participaron canda Valentín García Gómez representantes políticos do Consello Comarcal e dos concellos do Bierzo, así como representantes da comunidade escolar berciana.
As xornadas rematarán o vindeiro 1 de maio coa entrega de premios dos concursos “En galego no Bierzo como Sarmiento”. O programa completo está accesible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.
Fomentar o coñecemento da lingua propia de Galicia nas comunidades estremeiras
Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego máis dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e Zamora.
Este alumnado repártese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, no CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP de Toral de Merayo, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CRA Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA da Ponte de Domingo Flórez, Colexio Divina Pastora de Vilafranca e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. Canto aos IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virxe da Encina.
No marco do Programa, o alumnado dos centros participantes opta, se así o desexa, a recibir docencia co galego como lingua vehicular na área de Descubrimento físico e social e na de Identidade e autonomía persoal, na etapa de infantil; na de Coñecemento do entorno e na de Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia, en secundaria. Ao estudantado que o finaliza na ESO e no bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente. Xunto a eles, outros alumnos e alumnas cursan estudos oficiais de galego na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Ademais, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a xa programada para este curso 2014-2015 e que fará posible que máis de 150 estudantes coñeceran de primeira man moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico da nosa comunidade autónoma durante o derradeiro trimestre escolar e acompañados polo seu profesorado.