O conselleiro de Cultura e Educación reivindica o papel da xeografía porque permite ver o mundo cunha perspectiva integral

Román Rodríguez inaugurou a primeira Olimpíada de Xeografía de Galicia, na que participan 33 alumnos e alumnas de oito centros galegos

Ven, 06/03/2015 - 11:48
Román Rodríguez inaugurou a primeira Olimpíada de Xeografía de Galicia, na que p
Román Rodríguez inaugurou a primeira Olimpíada de Xeografía de Galicia, na que participan 33 alumnos e alumnas de oito centros galegos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reivindicou hoxe o papel da xeografía na sociedade con motivo do acto inaugural da primeira Olimpíada de Galicia, organizada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Tal e como indicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, e tamén xeógrafo, esta disciplina “permítenos ver o mundo cunha perspectiva integral, nas súas múltiples variables”, pois afonda no coñecemento dos lugares nos que vivimos e aos que viaxamos, así como no entendemento dos aspectos espaciais de problemas sociais como os patróns de distribución de poboación ou nos valores medioambientais.

De feito, o conselleiro explicou ante os alumnos participantes nesta olimpíada que existe un nexo entre “o que somos como persoas e o entorno”. Pero ademais deste “potencial”, Román Rodríguez  tamén constatou unha “debilidade” na xeografía. En concreto, referiuse á dificultade para competir en cuestións moi específicas nun mundo “duro como o de hoxe e cada vez más especializado”.

Potenciar o espírito de equipo

Dende a súa perspectiva de antigo estudante, animou ao alumnado a participar en iniciativas coma esta porque, sinalou, estimulan “o espírito de equipo e a cultura do esforzo”. Así mesmo, o responsable de Educación aproveitou para felicitar e desexarlles sorte aos participantes –un total de 33 alumnos e alumnas de oito centros galegos– e agradecer o traballo do profesorado.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para o Colexio de Xeógrafos en Galicia e o departamento de Xeografía da USC por organizar estas primeiras olimpíadas de xeografía a nivel galego. Precisamente, no acto de inauguración participou a presidenta da delegación galega do Colexio, María José Piñeira.

Proba de 50 preguntas

Os tres estudantes que consigan unha mellor cualificación na proba, constituída por 50 preguntas referidas ao programa de contidos coincidente co temario de selectividade, converteranse en gañadores desta primeira olimpíada. Os mesmos representarán a Galicia na fase estatal da VI Olimpíada de Xeografía de España, que terá lugar en Valencia o próximo mes de abril.